Patrocinado porPatrocinado por

O bosque autóctono reta ao eucalipto en Ferrolterra

ANA F. CUBA MONFERO / LA VOZ

SOMOS AGRO

María Jesús Felpeto, veciña de Cervás, en Ares, nunha finca súa na que Betula retirou os eucaliptos, cun dos totems creados polo escultor Mané para a parcela
María Jesús Felpeto, veciña de Cervás, en Ares, nunha finca súa na que Betula retirou os eucaliptos, cun dos totems creados polo escultor Mané para a parcela JOSE PARDO

O colectivo Betula custodia montes nas Fragas do Eume e noutros puntos de Ferrolterra e Eume, coa compra ou da man de propietarios e colectivos

31 oct 2021 . Actualizado a las 19:31 h.

Ninguén lle afea ao eucalipto o seu efecto balsámico, nin a beleza dos exemplares que medran libremente, coma o da Lagarea, na entrada de Ortigueira. Pero si o monocultivo, o descontrol e o desorde das plantacións, que inzaron amplísimas superficies de monte desta especie. A Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico Betula, constituída no ano 2013, con sede social en Fene e de ámbito galego, naceu coa idea de «protexer os terreos e evitar o seu deterioro». Custodia bosques mediante a adquisición a particulares e a través de convenios con propietarios e asociacións.

No parque natural das Fragas do Eume, Betula (nome científico do bidueiro) mercou doce hectáreas e media de monte, en distintas fincas situadas no municipio de Monfero, «na zona próxima a Caaveiro, da parte de Taboada; e na parroquia de Queixeiro, nas Lagoas, en Sanguiñedo e en Rodeiro», enumera César Martínez, secretario da entidade. «As accións son parecidas. Cando é en propiedade actuamos coa nosa discrecionalidade, e cando é por convenio, facémolo en colaboración cos titulares», explica. Así ocorre no caso dos montes de Marraxón, da comunidade de montes de Sillobre, onde tentan rexenerar o monte coa repoboación de bidueiros. Plantaron cen exemplares en media hectárea de terreo, hai un ano, coa axuda do Concello de Fene e de Aspaneps (Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psicosociais).

Na finca que mercou nas Lagoas, en Monfero, Betula traballa na deseucaliptización, «para rexenerar o bosque autóctono», co apoio económico da Consellería de Medio Ambiente. E na área de Monte Faro, en Ares, coopera coa Asociación de Amigos do Mosteiro de Santa Catalina, «moi interesada en recuperar a zona a nivel paisaxístico e medioambiental, igual ca o Concello». Alí teñen convenio con dúas propietarias, Patricia Gabeiras e María Jesús Felpeto. «Hai un mes estivemos eliminando eucaliptos, con voluntarios, botamos man deles e colaboran dun xeito extraordinario», eloxia Martínez.

Plantación de bidueiros realizada por Betula nunha parcela de media hectárea dos montes de Marraxón, en Sillobre (Fene)
Plantación de bidueiros realizada por Betula nunha parcela de media hectárea dos montes de Marraxón, en Sillobre (Fene) JOSE PARDO

Felpeto é veciña de Cervás e ten un monte ao pé do mosteiro. «Tiña eucaliptos, foron nacendo sós, vendimos e díxenlle ao madeirista que plantara árbores autóctonos, castiñeiros e nogueiras, pero rebrotaron. Foi cando contactei con Betula, que os erradicaron e fan un seguimento anual», sinala. Subliña a importancia do labor desta entidade: «Fan un traballo moi bo para recuperar o monte e deixalo como era antes. Sempre me encantou respectar a natureza, que a vexetación sexa autóctona, non especies foráneas que nos invaden e volven o terreo infértil e inhóspito. Os eucaliptos danme sensación de aridez, e as especies de aquí, de frescura e de vida». Gustaríalle que o exemplo se estendera: «Interésanos que o Monte Faro quede libre de eucaliptos».

A Agrupación Instrutiva de Caamouco tamén colabora con Betula. «Reúnense no noso local social e traballan na horta de Quinín. Os fins desta asociación son moi bos», recalca Ernesto López Naveiras, presidente desta entidade de Redes. «Alí hai unha construción medio en ruínas, e temos un refuxio de morcegos», conta o secretario de Betula. Tamén participan nun proxecto do colectivo cultural RuralC, de Monfero, para recuperar unha curripa da fraga de Bello de Vite, na finca que Betula adquiriu nas Lagoas. «Queda dentro do parque natural e ten unha tipoloxía curiosa, é cadrada. Hainas romboidais e semicirculares, aínda que as que nós coñeciamos nas Fragas do Eume eran redondas», comenta Vanesa Castro. O colectivo veciñal de Taboada, EuroEume e un arqueólogo de Terra de Trasancos axudaron a restaurar un dos muros. «Hai un problema -apunta o secretario de Betula-, non abundan os ourizos nin as castañas, ao abandonarse a actividade tradicional non se rexeneran os castiñeiros, non se fan enxertos nin se replanta, e acaban minguando moito». Nas curripas curábanse as castañas.

Traballos de restauración dun muro dunha curripa da fraga de Bello de Vite, nas Lagoas, en Monfero, no parque natural
Traballos de restauración dun muro dunha curripa da fraga de Bello de Vite, nas Lagoas, en Monfero, no parque natural

As Fragas do Eume son «o entorno prioritario» para Betula. «Ten unhas posibilidades inmensas, pero non temos capacidade económica para mercar. Facémolo coas axudas que dá a Deputación da Coruña. Hai particulares interesados en vender, chégannos moitas ofertas, pero non temos medios», apunta Martínez. Da man do Centro de Interpretación de Ombre e do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo, crearon un xardín de fieitos endémicos da fraga, que estaban en perigo. Cara ao ano que vén, confía en que poidan continuar coas actividades de reforestación, rexeneración e visitas guiadas. Ademais de seguir participando no proxecto Ríos de Adega. Este ano sumáronse á loita contra «os proxectos de macroeólicos».