«Come a comarca», o «concurso-reality» gastronómico da cociña tradicional galega que chega á TVG

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

CARLOS CORTÉS

Cociñeiros afeccionados e chefs profesionais competirán neste espazo, que se estrea o vindeiro mércores

19 jul 2020 . Actualizado a las 14:28 h.

As mellores receitas da cociña tradicional galega serán as protagonistas do concurso-reality gastronómico Come a comarca, que se estrea en Televisión de Galicia o vindeiro mércores e que porá a competir a cociñeiros afeccionados contra cociñeiros profesionais. Come a comarca está presentado por Fran Cañotas e dirixido por Edu Lavandeira (director do programa Buscadores de naufraxios, gañador do Mestre Mateo 2019 ao mellor programa de televisión).

A primeira temporada do espazo consta de 13 capítulos, e en cada un deles un equipo estable de cinco cociñeiros afeccionados, o equipo do programa, se enfrontará a un equipo de cociñeiros profesionais, o equipo da comarca, que variará cada semana en función da zona de Galicia que se visite.

Ambos competirán elaborando receitas tradicionais e típicas da zona. Os cociñeiros profesionais terán a vantaxe de cociñar pratos típicos aos que están moi acostumados, pero terán que facelo fóra do seu hábitat natural e terán que aprender a traballar xuntos por primeira vez. A proba consistirá na elaboración dun primeiro prato, un segundo prato e unha sobremesa. De cada un deles terán que preparar quince racións para un xurado popular formado por quince membros. Neste tribunal de estarán os mestres do equipo do programa, os familiares do da comarca e veciños da zona.

«O programa ten un cásting moi atractivo. A xente vaise enganchar aos personaxes, que son todos moi particulares e moi distintos, para ver como evolucionan e se enfrontan ao reto de que cociñeiros afeccionados compitan contra profesionais ao aire libre -afirma o director do programa, Edu Lavandeira-. E tamén pon en valor o receitario tradicional de Galicia, que se mantén moi vivo pero é moi distinto nas diferentes comarcas».

As comarcas visitadas serán Bergantiños, Deza, Terra de Lemos, Fisterra, Terra de Trives, Terra Chá, O Salnés, Terra de Melide, O Ribeiro e O Carballiño, Barbanza, A Mariña e Baixo Miño.

O programa divídese en dúas partes. En primeiro lugar, terá unha parte documental na que os cociñeiros percorrerán durante dous días toda a comarca para aprender o relacionado co menú tradicional que terán que cociñar. Visitarán produtores, provedores e veciños que levan toda a vida facendo as receitas e descubrirán receitas populares e tradicionais que descoñecían e asombraranse coa riqueza patrimonial e gastronómica de Galicia.

Fran Cañotas, o presentador do programa, dedicará eses dous días a percorrer a comarca para intentar fichar aos membros do bando profesional entre os grandes especialistas da cociña tradicional. Trátase de grandes cociñeiros profesionais, moi coñecidos na zona.

No lugar máis emblemático da comarca instalaranse as espectaculares cociñas exteriores do programa para disputar a gran proba final entre ambos equipos. Unha auténtica festa popular chea de emoción e nervios. Os dous equipos contarán con todo o necesario para elaborar tres pratos representativos da gastronomía da zona.

Os cinco membros que forman o equipo de cociñeiros do programa pasaron un duro casting para demostrar que son os mellores á hora de elaborar pratos tradicionais. Trátase de cociñeiros afeccionados, con experiencia cociñando nas súas casas, nas dos amigos ou veciños ou mesmo os amos das grellas e churrascos de verán. Terán que aprender, por unha banda, a cociñar xuntos, a convivir nos fogóns e a cociñar os pratos á maneira de cada lugar. O seu reto, aprender o suficiente para bater na proba final ao equipo rival.

Un dos elementos distintivos de Come a comarca será a participación dos veciños de cada área cun papel moi activo dentro do programa. Uns serán provedores, como os gandeiros, pescadores e agricultores. Outros serán os propios cociñeiros. E por último estarán os catadores, que xulgarán cal é o equipo gañador. Veciños de paladares esixentes, acostumados aos sabores tradicionais.