«Buscadores de naufraxios», mellor programa nos Mestre Mateo

La Voz

CULTURA

«A sombra da lei» arrasa nos premios do audiovisual galego con dez galardóns

03 mar 2019 . Actualizado a las 12:57 h.

«Temos un país marabilloso, non só o que se ve por fóra, tamén o que está por dentro [...]. Baixo o mar hai tesouros, un patrimonio riquísimo que moitos descoñecen». Con estas palabras recollía este sábado pola noite, arredor das dez e media, Fernanda Tabarés, directora de Voz Audiovisual, xunto a Paula Fernández, directora de producción, o premio Mestre Mateo ao mellor programa de televisión para Buscadores de naufraxiosun formato documental no que se dan cita acción, aventura e historia para sumerxir ao espectador nas profundidades do mar e coñecer así os barcos afundidos na costa galega. Foi o quinto premio dunha gala que acolleu o Palacio da Ópera da Coruña e na que a Academia Galega do Audiovisual (AGA) recoñeceu en 25 categorías distintas os traballos máis destacados de todo o ano.

A sombra da lei converteuse na gran triunfadora da noite ao acadar dez galardóns dos 15 para os que estaba proposta, pero o seu director, Dani de la Torre, non puido acudir á cita debido ao recente falecemento da súa nai. «Non choro de alegría, choro de pena, Dani», dixo unha emocionada Emma Lustres, de Vaca Films, cando subiu ao escenario para recoller un dos primeiros premios que levou a película. O filme recibiu os máis importantes, o da mellor longametraxe e o da mellor dirección, pero tamén o de dirección de arte e o de dirección de produción, o de interpretación protagonista (polo traballo de Luis Tosar), o de maquillaxe e perruquería, tamén o de vestiario, e os de montaxe, música orixinal e son.

Ausente físicamente, pero presente no recordo durante toda a noite, o monfortino Dani de la Torre quixo enviar unha mensaxe que foi trasladada aos presentes no remate da cerimonia: «Moitas grazas por este recoñecemento, quero compartilo cos meus compañeiros, co equipo técnico e con Luís Tosar, e especialmente grazas a Emma e a Borja. Quero pedirlles desculpas por non estar. E quero dedicarlle o premio á miña nai, con ela vin a miña primeira película e con ela, a súa derradeira». Tamén Luís Tosar estivo sen estar: «Grazas á Academia de corazón, por este premio e todo o traballo feito para mellorar o noso sector -dixo a produtora de Vaca Films no seu lugar-. Infinitas grazas a Dani de la Torre por facerme partícipe das súas aventuras e dedicarlle o premio a Encarna Alvaredo, que nos deixou estes días e que é tamén responsable desas aventuras». 

«O sabor das margaridas», mellor serie

A cerimonia, dirixida por Sonia Méndez e conducida por Camila Bossa, David Amor, Xúlio Abonjo, Fernando Epelde e a youtuber Carolina Iglesias, máis coñecida como Percebes e Grelos, quen cunha estética futurista guiaron ao público a través dunha viaxe temporal polo audiovisual galego, detívose tamén na serie O sabor das margaridas, que lle arrebatou o premio á mellor serie de televisión a Serramoura, Viradeira e Os mariachi. A outra favorita da noite, Trote, o debut no cine de Xacio Baño, fíxose con cinco galardóns: o de mellor dirección de fotografía para Lucía C. Pan -que acada a distinción por segundo ano consecutivo-, o de guión para Baño e o colaborador de La Voz Diego Ameixeiras, o de interpretación feminina protagonista para María Vázquez e os de mellores actores de reparto para Melania Cruz e Federico Pérez.

Os Mestre Mateo recoñeceron ademais o facer de Rodrigo Vázquez como comunicador no Ti verás! e as pezas Idénticas -que, dirixida por Luis Avilés, levou o premio ao mellor documental-, e Dinosaurio, mellor serie web do ano. «A ficción está en Internet», avanzou o equipo mozo que subiu a recoller o premio.

Cesar Quián

A Academia aproveitou a xuntanza para recoñecer co Premio Especial José Sellier e co Premio de Honra Fernando Rey a traxectoria da Federación de Cineclubes de Galicia e a da actriz Mela Casal, que se acordou, ao recibir o seu galardón, do director e actor Xan Cejudo, falecido o pasado setembro: «Este galardón e tan teu como meu, na tómbola da vida tiven a sorte de atoparte». «Non deixemos ningunha ponte sen cruzar por moito que nolas queiran derribar», engadiu rotunda.