Redeiras: «Fai falla un relevo xeracional»

Nos anos oitenta, cando Berta Paz empezou a traballar como redeira, en Aguiño había medio cento de mulleres dedicadas a esta actividade; agora non chegan á ducia e moitas están preto da idade de xubilación

O día a día das redeiras en Aguiño">
O día a día das redeiras en Aguiño Nos oitenta había medio cento de mulleres dedicadas a esta actividade, agora non chegan á ducia e moitas están preto da idade de xubilación

Ribeira

Alicia Dios e Montse Reiriz, ambas de 30 anos, son as redeiras máis novas de Aguiño; a súa compañeira e mestra, Berta Paz, leva xa 34 anos no oficio e afirma que hai traballo: «Fai falla relevo xeracional». Cando ela empezou, mediada a década dos oitenta, había preto de medio cento de mulleres dedicadas a armar ou reparar redes de pesca, mais agora non chegan á ducia e moitas están xa preto da idade de xubilación. Non é un traballo doado, aínda que as tres coinciden en afirmar que «é unha alternativa laboral, pero a xente moza non o percibe dese xeito». Berta Paz incide en que tampouco se favorece a súa aprendizaxe: «Hai que facer un curso de catro meses e na zona do Barbanza non se oferta, algo que parece incrible coa importancia que ten o sector pesqueiro na bisbarra. Hai que desprazarse a Marín, Malpica ou Cariño, e non todo o mundo pode afrontar os custos».

Berta Paz, que actualmente está de baixa, é a única profesional acreditada en Aguiño para facer as prácticas das aprendices e, de feito, ela supervisou e deu o visto bo ás de Alicia Dios e Montse Reiriz. Esta última segue a tradición familiar como redeira, xa que é a súa filla.

Alicia e Montse opinan que parte da falta de interese polo oficio vén dada porque existe unha visión pouco realista: «Non é coma antes, que tiñas que traballar á intemperie e sentada no chan». Dende 1993, o labor desenvólvese nunha nave situada no peirao.

Animada pola súa amiga Montse, para Alicia Dios as redes convertéronse nun medio de vida. Fixo un ciclo superior de Administración, pero non atopaba traballo e, hai tres anos, decidiu cambiar de rumbo: «Montse díxome que fixera o curso, que tería traballo. Eu nunca cosera, pero cando Berta me viu mover a agulla xa me dixo que non ía ter problema. Tiña erros, claro está, pero este é un oficio que non quere présa. Hai que ter paciencia e dedicarlle tempo».

En Aguiño, cada barco ou armador ten as súas propias redeiras. Berta, Montse e Alicia traballan para O Poche, un cerqueiro. Ocúpanse de montar as redes novas, poñéndolles as cortizas e adecuándoas para o uso que vaian ter, porque, como explica Berta Paz, «cada aparello é distinto, varía segundo onde se largue: se é para faenar preto das rochas, ou para sitios de moita corrente... Tamén cambia en función do tipo de peixe. Os da sardiña, por exemplo, son máis grandes». Ao mesmo tempo encárganse de reparar as redes cando rompen. Son expertas en redes do cerco, do mesmo xeito que outros profesionais traballan especificamente nas dos barcos do arrastre.

Montse Reiriz cursou un ciclo de Xestión Administrativa e posteriormente fixo o primeiro curso de Empresariais pola universidade a distancia. Non obstante, decidiu abandonar aquilo: «Gústame isto, penso que é un traballo bastante descoñecido para a xente nova». Explica que hoxe en día pódense mercar redes feitas, xeralmente nas Filipinas, «pero non veñen armadas coma as nosas, e á xente do mar non lles gustan tanto».

O seu é un oficio artesanal que, afirman, «aínda ten moitas travesías por diante».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Redeiras: «Fai falla un relevo xeracional»