Escena Pro servirá de escaparate para as pezas de 95 compañías galegas

M. G. Iglesias SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

cedida

A feira profesional, que se desenvolverá dos días 7 ao 10, incluirá a representación de 19 espectáculos, 12 presentacións e 200 reunións cos 61 programadores de teatro

05 jun 2021 . Actualizado a las 12:56 h.

A feira profesional galega de artes escénicas, Galicia Escena Pro, volve a partir deste luns a Santiago para amosar durante catro días a variedade de rexistros das compañías galegas de teatro, danza, novo circo e maxia. A programación incluirá dezanove espectáculos, unha ducia de presentacións e máis de duascentas reunións concertadas entre os representantes das 95 compañías galegas participantes e os 61 programadores de teatro.

Despois de non poder celebrarse no 2020 debido á pandemia, esta edición de Galicia Escena Pro inclúe propostas estreadas nos dous últimos anos. Iso si, este ano o público, ao contrario que sucedera nos últimos exercicios, non poderá asistir as representacións debido as limitacións de aforo. Tanto desde a Xunta de Galicia como desde a asociación Escena Galega, que organizan o evento, destacan que, esta vez, aínda cobra unha maior importancia. «A feira permite volver a poñer en contacto aos programadores coa produción galega. [...] A xente estaba desexando que a houbera outra vez. Normalmente, pagamos o 40 % do caché ás compañías que acoden e este ano duplicamos ata o 80 % para axudar», manifestou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil. Nese mesmo sentido se expresou o presidente de Escena Galega, Juan Rodríguez, indicando que para o sector profesional «é moi importante poder ter este encontro e volver a ter ese punto de normalidade».

A resposta nesta edición foi moi boa por parte das compañías. Foron máis de 120 as que se interesaron por asistir a este evento en Santiago, o que supón, segundo apuntou Rodríguez, o dobre dun ano habitual. Un comité de selección escolleu os dezanove espectáculos para as representacións que se levarán a cabo no Salón Teatro, Principal e Auditorio Abanca, ademais de localizacións exteriores na praza da Quintana e en San Domingos de Bonaval. Pola súa banda, unha ducia de compañías farán presentacións rápidas de proxectos e pezas no Auditorio Abanca. «Buscouse que foran propostas moi diversas, que haxa moitos tipos diferentes de espectáculos en canto a estilos e públicos. Queremos que a feira represente o que se fai agora en Galicia», engadiu Juan Rodríguez, apuntando que este ano hai máis propostas para celebrarse no exterior, xa que hai unha demanda maior delas. Ademais, a feira contará coa Zona Pro, onde se darán cita os representantes das 95 compañías acreditadas para manter xuntanzas bilaterais concertadas previamente cos 61 programadores e mediadores culturais asistentes. A axenda xa conta con máis de douscentos encontros.

A compañía Stracciatella Teatro abre esta edición de Galicia Escena Pro o luns ás 11.00 horas. Tamén ese día chegarán os traballos de Kirenia Danza, Laboratorio Escénico, Xampatito Pato e Os Náufragos Teatro. O martes será a quenda de Marta Alonso Tejada, SU.MA., Colectivo Glovo, Redrum Teatro e Incendiaria. O cartel do mércores confórmano ImproMadrid, Pistacatro e Teatro do Atlántico. Para rematar, o xoves estarán Moving Compass, Chévere, Sarabela Teatro e Voadora, que representará por primeira vez en Galicia o espectáculo «Othello», que acaba de estrear en Madrid. Nas sesións de presentacións rápidas participarán Magia en la Manga, Caramuxo Teatro, Fantoches Baj, Eme2 Producións, Óscar Cobo Compañía de Danza, DeuVe, Furia Sotelo, Miguel Ponce de León, A Panadaría, Matrioshka Teatro, Teatro Baixo da Area e Ibuprofeno Teatro. O director da Agadic destacou a sintonía na organización entre a Xunta e o sector profesional e o compromiso da administración para continuar programando. Entre as próximas propostas está o ciclo Cultura no Camiño. Pola súa banda, o director de Escena Galega subliñou que o público «ten moitas ganas de ir ao teatro. Os aplausos notamos que son máis calorosos».