O programa de visitas de La Voz levou durante 14 anos a A Coruña a máis de 24.000 alumnos de toda Galicia
05 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.O calendario marcaba o 30 de maio de 1983; o reloxo, case as 2 da mañá. Quen asina estas páxinas, entón coordinador do programa de visitas de La Voz de la Escuela, deixouse caer na cama dun hostal e prestouse a durmir unhas horas tras unha xornada esgotadora. O ceo estaba límpido aló na serra dos Ancares e estrelas había unha morea delas. Non deu nin tempo a contalas: ás 6 había que organizar os transportes desde as aldeas (nevadas) para traer a alumnos e pais ata a Campa da Braña, onde esperaba un autobús que, despois de catro horas e múltiples mareos desembarcou todos aqueles estudantes e familiares ás portas do edificio de La Voz de Galicia na rúa coruñesa de Concepción Arenal.
É unha anécdota de tantas. Porque así, divertido, absorbente, lúdico, esgotador, educativo e galego, profundamente galego, foi o programa de visitas a La Voz de Galicia que durante 14 anos levou á Coruña a máis de 24.000 alumnos de todos os currunchos e concellos das catro provincias. Canto máis afastados estaban máis difícil poñían o reto. E, desde logo, ao equipo de La Voz de la Escuela encantábanlle esa clase de retos. Aí está a hemeroteca, e unha das virtudes de todas as hemerotecas do mundo é que non deixan mentir.
¿E como eran esas excursións? Dicíase ben claro nun suplemento de setembro do 90: «El programa les ha venido prestando una atención especial a los centros situados en el medio rural, seleccionando cada mes cuatro escuelas, una por provincia». Ninguén falaba entón de fenda dixital porque viviamos na era pre-Internet, pero si era coñecida a secular marxinación de aqueles que, se cadra, vivían tan só a vinte ou trinta quilómetros dunha cidade pero os afastaba non só o idioma, senón todo un mundo de oportunidades.
Reproducindo aquelas verbas de setembro do 90, «cada jueves un grupo de 49 alumnos, acompañado de cuatro adultos (profesores y padres) se desplaza a La Coruña en un autobús puesto a su disposición». Na cidade, ademais da redacción e a rotativa do xornal, eran recibidos na entidade bancaria que patrocinaba as viaxes, á hora de comer repoñían forzas nun restaurante e logo pasaban a tarde na Casa de las Ciencias, onde gozaban dunha sesión especial no planetario. E aínda había que rascarlle un chis de tempo ao reloxo para coñecer algo das rúas e prazas.
Cando a rapazada dos Ancares pisou a A Coruña xa se levaba todo o curso co programa de excursións. Era un paso adiante máis desde que o 14 de abril de 1982 saíra á rúa en rigoroso branco e negro -e cunha letra que hoxe parecería minúscula- o primeiro número do suplemento de La Voz de la Escuela, dentro dun proxecto que para La Voz de Galicia foi estratéxico desde o primeiro momento. En efecto, o editor deixou ben claro urbi et orbi que non se trataba dun produto máis que duraría o que o mercado decidise coa súa lóxica económica, senón de algo con vocación de permanencia e proxección futura destinado a colaborar coa educación de milleiros de nenos galegos («Esta visita a La Coruña intenta dar la posibilidad a los muchachos y muchachas de completar la formación que reciben en las aulas», lese en La Voz de la Escuela nunha reportaxe ao respecto das excursións). Cómpre repetir que as hemerotecas non deixan mentir: este que ten nas súas mans o lector é o número 1.000. E seica ten corda para rato...
O programa de visitas de La Voz levou durante 14 anos á Coruña a máis de 24.000 alumnos de toda Galicia