O parafuso definitivo

La Voz

SANTIAGO

06 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Sen ter en conta o que diga a Guía Michelín sobre o particular os itinerarios resultan máis atractivos que os destinos. Quizá agora máis que nunca entendemos que non hai fin da historia porque, agás catástrofe non hai fin. Somos o parafuso definitivo.

Debuxar un mapa é ensinar a camiñar, debuxar un mapa é máis necesario cando as circunstancias son cambiantes, cando os referentes son múltiples e están en movemento. En Galicia, de vello, sempre existiu o costume (ou a manía) de sinalar as cousas polos lugares cos que lindan. Sinalar os camiños errados para que a xente andase os correctos. En moitos sentidos, a delimitación foi sempre de conxunto e desde fóra.

Marxes e Mapas recolle un esforzo de síntese porque a súa narración é o resultado dunha inmersión que debe asumir o espectador en itinerarios dispares cun algo en común que non sempre é necesario apreciar.

A mostra xoga coa multidireccionalidade, con que o espectador entenda que non hai unha soa maneira de explicar e que cada unha das pezas apunta a outro mapa que, en moitos dos casos, aínda está por debuxar.

A mostra ofrece un panorama de fervenza, de moita inquedanza e de riqueza cuantitativa que esquiva con moita enerxía calquera intención de quietismo. É en case todos os sentidos unha exposición enérxica que responde a unha actitude enérxica e dinámica. A dinámica do parafuso sen fin debuxando a espiral do movemento. E o movemento é o que importa. Quizais non dixen que son obras de mulleres. Pero resulta evidente que non era necesario.