Carlos Blanco: «Hai momentos na obra nos que non podo evitar troncharme»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CEDIDA

Interpreta xunto a Xosé Antonio Touriñán en Pontevedra o espectáculo «Somos criminais 3»

22 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Se en Somos criminais «centrámonos máis nos crimes absurdos que produce o país, neste tratamos de chegar á conclusión de se somos criminais no bo sentido, no sentido coñeiro da expresión. Creo que é unha segunda parte que complementa á anterior e creo que non debe haber unha terceira. Aquí se complementaría a dobre visión da xogada». Deste xeito, Carlos Blanco (Vilagarcía, 1959) alude ao espectáculo que programou catro sesións esta fin de semana no Pazo da Cultura e nas que tratarán de respostar a cuestións tan dispares como as relativas a se temos unha forma propia de ser e estar no mundo ou si son certos os tópicos que circulan sobre nós, pero tamén a se somos diferentes, parecidos ou iguais ao resto do mundo. As entradas pódense adquirir en Ataquilla.com dende 15 euros, prezo mínimo sen comisión.

—Chegades a Pontevedra con «Sodes Criminais 3», que pasou co número dous?

—Explicámolo no espectáculo polo que non quero facer un spoiler. É fácil de entender que é unha broma.

—Como é volver a traballar con Touriñán?

—É un luxo. Touri é moi divertido, foder. Aínda hoxe, e levamos creo que vinte e cinco funcións feitas, hai momentos na obra nos que non podo evitar troncharme. Dame un pouco de vergoña, pero é que me pasa. El xoga e moitas veces sorpréndeme. O texto é un texto vivo, un texto que admite que vaiamos introducindo detalles, bromas, coñas e el non hai función que non cree unha e nunca sabes onde. Tes que andar con ollo e menos mal que é un show de humor e a xente xa entende que nós temos que pasalo ben tamén na medida de que si nós gozamos, eles gozan tamén. Admiten ese tipo de erros, por chamalos así, que de repente nos dea a risa na función porque tamén se transmite o ben que o estamos pasando.

—Que diferenza imos atopar con anterior espectáculo, con «Somos criminais»?

—A principal é que incluímos un elemento audiovisual. Levamos un pantallón de leds, polo que temos que ter moito coidado co que audiovisual non se coma o teatral e creo que está ben equilibrado. O director conseguiu que a pantalla teña a súa utilidade, pero non sexa o centro do espectáculo. E logo que todo o texto é novo.

—Con que está a compaxinar esta xira?

—Facendo teatro en Madrid. Estou ensaiando cun director arxentino un texto marabilloso con Natalia Verbeke, Carmen Ruiz... Somos cinco actores. Durante a semana ensaio en Madrid e a fin de semana actúo en Galicia.

—E cine, televisión... Ten algo en carteira?

—Xusto estreamos agora, en marzo, a segunda temporada de La unidad, dirixida por Dani de la Torre, que foi unha serie que funcionou moi ben, incluso, internacionalmente. Aínda que xa non é produción galega, xa non está Vaca Films, senón que produce directamente Movistar, pero sigue sendo un equipo principalmente galego. Estamos moi ilusionados por ver que pasa porque a primeira parte vendeuse a medio mundo. Alemaña, Brasil, Portugal, Italia... E a segunda temporada aínda promete ser máis trepidante.