Fomentar a vagancia

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

ALBERTO LÓPEZ

11 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A supresión dos exames de setembro vai beneficiar a todos menos aos que debería facelo: os estudantes. Sairán favorecidos os profesores e os equipos directivos, por razóns obvias; tamén as familias, porque gozarán das vacacións sen problemas. E así mesmo a Administración, xa que pode planificar mellor o curso seguinte e por riba evita conflitividade ao estar satisfeitos tódolos afectados. Pero isto debería ser secundario diante da importancia de dar ao alumno unha sólida formación, concienciándoo de que o verán pode ser unha boa oportunidade para recuperar o que non fixo antes.

Examinarse de novo aos poucos días de suspender, non ten sentido común nin pedagóxico. É insensata a afirmación de que o estudante ten máis probabilidades de recuperar as materias ao ter recentes os contidos, pois se suspendeu non pode ter acadados estes e menos aínda coa actual manga ancha nas cualificacións. A aprendizaxe precisa de tempo e acougo, que é unha das principais carencias do actual sistema educativo. Se non se acadaron os obxectivos esenciais ao longo do curso é necesario facer un esforzo para iniciar o seguinte cunhas mínimas garantías de éxito e isto non se vai conseguir en poucos días.

Certo que é difícil que os alumnos recuperen no verán o que suspenderon en xuño, pero porque fixeron o que lles petou nos meses de traballo e hano facer aínda máis nos de vacacións. E as familias danlles a razón, non vaia ser que se frustren ou que lles collan manía. Os valores do esforzo e do sacrificio brillan pola súa ausencia, sendo prioritario esquecerse das responsabilidades incumpridas e pasar un bo verán.