FRANCISCO CERVIÑO GONZÁLEZ
24 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.Asasinaron a Ernest Lluch. Asasinaron a un home bó, a un profesor, a un intelectual, e a un loitador polas liberdades de todos. E asasinaron a un gran reformador. España débelle moito a Lluch, sobre todo as clases economicamente máis febles. El pilotou ós inicios da Reforma Sanitaria coa elaboración da Lei Xeral de Sanidade creadora do Sistema Nacional de Saúde, universalizando a asistencia sanitaria (cinco millóns de españois non tiñan dereito á asistencia sanitaria cando el chegou ó Ministerio), introducindo a xestión moderna nos hospitais sen abandona-lo ámbeto do público, poñendo en marcha un novo modelo da atención primaria que fixo cambia-la opinión que os cidadáns deste país tiñan sobre o seu sistema sanitario. Esa Lei propiciou que hoxe en día disfrutemos dun dos mellores sistemas sanitarios en opinión de expertos de todo o mundo, o que posibilitou por exemplo que sexamos a primeira potencia mundial en transplantes. Un sistema sanitario que é ademais un elemento importantísimo nos mecanismos de redistribución da riqueza e un factor chave de cohesión social. E Galicia, A Coruña en concreto, débelle a Ernest Lluch en gran parte o que hoxe é o hospital Juan Canalejo. Nunha época na que xa non se abrían hospitais materno-infantiles polo descenso da natalidade, el comprendeu a necesidade que tiña este hospital de amplia-lo seu espacio. Esa decisión, tomada persoalmente por el, posibilitou todo o que ven despois. Sen esa decisión, en verdade estratéxica, nada do que veu logo sería posible. Como homenaxe o gran modernizador que foi, propoño que o Goberno galego dé o nome de Ernest Lluch ó novo Hospital do Salnés de Vilagarcía