«Sainete» gastronómico en Nova York

| JOSÉ MANUEL RODRÍGUEZ GONZÁLEZ | PRESIDENTE DO CONSELLO REGULADOR DE RIBEIRA SACRA

LUGO

PUNTO DE VISTA

18 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

UNHAS aclaracións necesarias ao autochamado Festival da Cociña Galega en Nova York. Antes de nada, aceptar as desculpas de Medio Rural e agradecerlle o esforzo feito por amañar os problemas. Aínda que eles non o organizaban, puxéronse en contacto co consello regulador e coas adegas de Ribeira Sacra e lograron que algún viño noso estivera presente no evento. O pasado día 8 lin con estupefacción afirmacións que non teñen desperdicio nun artigo de prensa asinado por Guillermo Campos. Afirma que a selección dos viños incluídos no Festival da Cociña Galega se fixo dende Galicia previa consulta ao consello regulador e que as adegas non quixeron vendelos para este evento, e cita a Góngora para dicirnos que somos curtos de miras. Nos días seguintes di que somos uns choromicas, ruidosos e demagóxicos, xa que o pouco viño da Ribeira Sacra debe entenderse como a vergoña dos galegos e é prescindible no mercado estadounidense. Pois miren vostedes como lle é a cousa: é mentira que ninguén contactara previamente co consello para este evento e que falaran coas nosas adegas. Guillermo Campos cita no seu artigo a Góngora, gran mestre a sátira, pero eu coido que a isto lle sería máis adecuado o sainete. Mire vostede, nesta comarca podemos ser curtos de miras, pero non parvos. A este pobo moito máis pequeno, pero con moita máis historia que Nova York, Cervantes dedicoulle un capítulo do Quijote, e xa que a cousa vai de citas eu tamén recordo aquilo de «amigo Sancho cousas veredes que non comprenderedes». E ante tanto despropósito e desprezo por un viño e unha terra na que moitos vivimos e á que moitos amamos, un pregúntase o seguinte: ¿canto custou montar este evento?, ¿quen decidiu os cociñeiros e con que criterio, ¿quen decidiu os menús e os viños a levar e con que criterio?, ¿quen decidiu a empresa que montou isto e con que criterio?, ¿cales foron as bases do concurso?... E, aproveitando, ¿quen é o responsable de Galicia Calidade que amosa unha moza cunha copa de viño branco e co eslogan Cos ollos pechados , cando non hai ningún viño galego con denominación de orixe que pertenza a Galicia Calidade? ¿Non podería considerarse isto como publicidade engañosa? Por último, xa que foron co Festival da Cociña Galega ao país das oportunidades e das enquisas tamén nos poderían ilustrar respondendo ás seguintes cuestións: ¿que incidencia tivo no mercado estadounidense este evento?, ¿canto aumentou o grado de coñecemento dos nosos viños e que tradución terá no aumento de consumo? Que cada pao aguante a súa vela.