TRIBUNA | O |
07 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.GALICIA É a última das comunidades españolas en abastecemento público de auga. Só chega a un 63,1% das vivendas habitables. Se falamos da rede de sumidoiros, non se alcanza sequera o 53%. Detrás de nós vai Baleares, pero alí, en cambio, chegan ata o 82,2% dos edificios residenciables. Son datos que deu a coñecer o Instituto Nacional de Estadística e que publicaba La Voz. Se ata o de aquí poida que as cifras produzan o sobresalto, desánimo provoca o saber que tal abastecemento público non supera o 51,4% das vivendas da provincia de Lugo. Non digamos nada da rede de sumidoiros: só un 35% disfruta do saneamento das augas sucias. As cifras ás veces resultan frías e parecen non dicir nada. Sen embargo, pensemos en cántos sitios non están fartos de pedir unha rede de sumidoiros que suprima o problema das fosas sépticas e, ademais, evite que as augas dos fregadeiros corran libres polas cunetas de camiños e estradas. ¡Se lles digo que me teñen contado que nalgún concello ata lles cobraron a taxa sen ter feita a rede de sumidoiros! Non é escusa a dispersión da nosa provincia que sendo real non xustifica semellante atraso. Hai zonas onde podería terse feito tanto o abastecemento como os desaguadoiros e non hai tal. Tampouco falar de minifundismo ou escasa industrialización exime de culpa ás administracións. O que hai que facer é administrar ben os recursos públicos e saber priorizar. Máxime nun tempo onde hai recursos. Como di o amigo Fontela que foi alcalde antes do 1978: «hoxe hai cartos, que antes non había». redac.lugo@lavoz.es