Ana Vila, poetisa: «As aldeas subsisten grazas ao traballo das mulleres»

TABOADA

A escritora e labrega presenta este venres en Taboada o seu cuarto poemario, «Sentidos nunha aldea», en homenaxe ás aldeas e á escritura a man

06 mar 2019 . Actualizado a las 08:27 h.

Ana Vila Portomeñe (Taboada, 1969), a «poeta labrega», presenta este venres, día 8, en Taboada (antigo salón de actos, 17.30 horas) o seu cuarto poemario, autoeditado, Sentidos nunha aldea. O libro, impreso en La Voz de la Verdad, foi encadernado por Inés de Castro. A data elixida para a presentación non é casual. Ademais de ser o Día da Muller, polo que o acto ten unha parte reivindicativa, para Ana Vila tamén é un día especial, pois cumpre 50 anos.

-Cuarto libro xa... ¿como consegue levar ese ritmo entre o traballo, a familia, a escritura...?

-As poesías sáenme con facilidade, nos momentos de relax, cando estou coas vacas e no medio da natureza, esa contorna axuda moito. Poñer despois en marcha o proceso de escribir un libro xa é máis complicado.

-¿Que encontrarán os lectores neste libro?

-É un poemario, ilustrado con fotografías e debuxos. Foi escrito a man, e logo escaneado, polo que non hai ningunha folla igual a outra. Trátase de poemas sinxelos que pretenden ser unha homenaxe ás aldeas e á escritura a man, lembrando que antigamente moita xente de aldea non sabía ler nin escribir.

-¿A quen vai dirixido?

-É para todos os públicos, mesmo para os nenos. Por exemplo, hai un poema sobre a natureza ilustrado cunha foto dunha árbore cuns paxariños, e iso tamén é unha mostra do que hai na aldea, de que tamén se pode un parar e mirar arredor, ou facer xogos divertidos, por exemplo, contando cantos paxariños se ven.

-¿De onde lle ven a inspiración?

-Da natureza sempre, do entorno, da Galicia en si mesma, labrega e mariñeira. Nos poemas falo de ánimo, de recordos, de amor...

-Novamente, a presentación do libro é nunha data especial, o Día da Muller.

-É unha homenaxe ás aldeas e, sobre todo, ás mulleres. Porque as aldeas subsisten, na súa maioría, grazas ás mulleres, que se encargan das explotacións e dos coidados de nenos e maiores.

-¿Cando estará á venda?

-Ponse á venda o venres en Lugo, nas librarías Balmes e La Voz de la Verdad, e nas librarías de Taboada, Chantada, Monterroso e Antas de Ulla.

-¿Como foi a acollida dos anteriores libros?

-Pintasías e Algo de mí con mucho de ti están esgotados, mentres que Latexos dunha labrega aínda está á venda. A acollida de todos eles foi moi boa, a pesar de que polo meu traballo non podo ir a moitas presentacións nin dedicar moitos esforzos á venda. De todas formas, non pretendo que o meu libro sexa o máis vendido, gustaríame que fose lido e que, polo menos, quedase un alento.

-¿Para cando o quinto libro?

-Aínda é pronto, pero supoño que farei un libro un pouco máis íntimo e persoal proximamente.

-Trala presentación de Taboada, ¿ten máis actos previstos?

-O día 13 estarei en Chantada nunha lectura de poemas con motivo do Día da Muller; o día 16, na Feira do Disco e Libro Galego en Monterroso; e o 23 de abril, na Feira do Libro en Lugo.