Máis de 400 persoas poderán prepararse a través de Internet para obter o certificado Celga 4

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

PACO RODRÍGUEZ

A plataforma de formación a través de Internet fai extensiva a formación en lingua galega tanto á Galicia territorial como á exterior

27 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Demostrar unha competencia fluída e espontánea en lingua galega en distintos contextos comunicativos, producir textos ben estruturados sobre temas de certa complexidade e para distintos fins e amosar un uso correcto da norma ortográfica e morfosintáctica, así como dos mecanismos máis comúns de organización e cohesión textual. Esas son as competencias lingüísticas que se esixen para obter a certificación de coñecemento da lingua galega Celga 4. Este ano, un total de 420 persoas poderán formarse a través de Internet para obter este certificado. Farano a través da plataforma en liña que onte presentaron o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, canda o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.

Un total de 600 persoas farán o curso preparatorio para obter o Celga 4. Só 175 farán esta formación de xeito presencial. A plataforma de formación a través de Internet fai extensiva a formación en lingua galega tanto á Galicia territorial como á exterior, universaliza a posibilidade de aprender galego e facilita a conciliación dos estudos de lingua galega co emprego ou con cursar unha carreira universitaria, por exemplo, sen constricións horarias nin de situación xeográfica para acceder ao curso preparatorio.

O curso preparatorio do nivel Celga 4 engádese ao que xa se puxera en marcha para preparar a obtención do certificado Celga 1, unha modalidade que este ano cursarán 150 persoas.