Mellorou a visión da lingua desde 1973?: «Antes se facías música en galego eras o raro. Hoxe es o guai»
FUGAS
Henrique Monteagudo, Ledicia Costas, 9Louro, os libreiros de Lume e o equipo da iniciativa «Aquí tamén se fala galego» revisan o estado da cuestión da lingua respecto ao «Informe -dramático- sobre la lengua gallega» de Alonso Montero. «O castelán non vai desaparecer de Galicia», asegura o presidente da Real Academia Galega
21 feb 2026 . Actualizado a las 15:35 h.Entusiasta e rigoroso ata o final, Xesús Alonso Montero (Vigo, 28 de novembro de 1928-12 de febreiro do 2026) deu no Informe —dramático— sobre la lengua gallega publicado en 1973 as chaves da lingua galega. Seguen vixentes as teses do informe? «Evidentemente, Alonso Montero enganouse no prazo de 25 anos de vida que lle quedarían ao galego... Pasaron máis de 50 anos e segue vivo», advirte Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega, que matiza que o sociolingüista si acertou «tanto no diagnóstico que deseñou coma no prognóstico sobre a agonía do idioma nun prazo curto se non se implementaba unha política lingüística global e eficaz». Hoxe, as advertencias de Alonso Montero son máis oportunas que nunca, pensa Monteagudo, pois «as dificultades son aínda maiores que en 1973». As palabras do director da RAG aluden á perda progresiva de falantes de galego en Galicia.
A situación da lingua é urxente, por máis viva que estea nas cancións dunha nova xeración de artistas musicais, como The Rapants ou 9Louro, e non deixe de gañar lectores co traballo ao longo de autores como a premio nacional Ledicia Costas. «Para a inmensa maioría das crianzas o galego é unha lingua case estranxeira —recalca a escritora supervendas, neofalante na adolescencia—. As familias, a Administración, a sociedade enteira temos nas mans o futuro dunha lingua. A pregunta é: imos deixar que esmoreza?».
O galego precisa consolidarse como «lingua plenamente funcional en todos os ámbitos», afirma Monteagudo. O galego o que non precisa é «compaixón nin discursos nostálxicos; precisa políticas lingüísticas firmes e sostidas no tempo, espazos de prestixio e, sobre todo, falantes que o incorporen á súa vida cotiá con convicción. A supervivencia a longo prazo dependerá menos das declaracións institucionais e máis de políticas activas, ambiciosas e sostidas no tempo, que garantan condicións favorábeis para o seu uso colectivo, consolidándoo como lingua plenamente funcional en todos os ámbitos da sociedade», achega dando voz a un sentir común Alberto Pombo, profe que puxo en marcha a maior iniciativa de dinamización do galego dos últimos anos nun instituto público da Coruña, Aquí tamén se fala galego, premio da Cultura Galega este ano.
En galego fala, como membro activo do Aquí tamén se fala galego, César, venezolano de 16 anos que viviu en Italia antes que en Galicia. «O primeiro para mellorar a situación do galego é usalo sen medo e sen pedir perdón», di este estudante da ESO, que enlaza co pensamento dos consultados: o galego debe estar vivo a diario na vida real. «Na música, nas redes, coas amizades, en todos os espazos onde se move a xente nova», concreta.
A música en galego, a esperanza
Motivos para o optimismo dá esa nova ola do galego que move paixóns na música, na que medra dende hai ano e pico Martín Louro, 9Louro, que fixo en media hora sold out na Capitol de Santiago. «Cada vez saen máis rapaces que fan música en ghallegho», valora 9Louro, que conta que falando cos amigos chegaron á mesma impresión: «Antes se facías música en ghallegho eras o raro. Agora, es o guai». Esa moda que percibe o artista é importante no movemento da lingua, que avanza nalgunhas cidades, como Santiago. «Creo que está habendo un cambio. Hoxe se vas pola rúa en Santiago e non falas ghallegho es un pouco raro», observa Martín. Tal percepción cadra máis co que acontece entre a mocidade de Santiago, en xeral, que coa realidade doutras cidades galegas, como Vigo, Ourense e A Coruña, onde poucas linguas galegas andan soltas pola rúa e nas casas.
As máis recentes cifras do IGE dan conta dun «colapso»: no 2018, a porcentaxe de galegofalantes habituais entre 5 e 14 anos era dun 26,12 %, unha taxe que caeu dez puntos nun lustro, ata o 16,19% no 2023.
O pulmón verde do peculiar planeta sociolingüístico de Galicia está na música, no campo audiovisuail e mais nas redes. Nelas despunta a libreira creadora de contido Eva Cameán (@clarionlibraria), que reaviva xunto ao autor Rober Cagiao a chama da libraría Lume na Coruña. «Eu en Carballo nunca notei rexeitamento por falar galego», di Eva sobre a súa experiencia como libreira en Clarión, onde o que máis vende é libro en galego. Vendendo máis obra en castelán, Rober tampouco percibe en Lume desprezo da xente cara á lingua.
O autoodio parece quedar atrás. «É certo que nas redes atopas cousas que non atopas nas rúas...», revela Eva, que medra en TikTok con recomendacións literarias en galego. «Nas redes hai xente que intenta convencerte de por que deberías facer os vídeos en castelán e xente que directamente pasa a insultarte, pero tamén atopas apoio, ese apoio de xente de fóra de Galicia que te segue polo feito de falar galego», non dubida a bookstagramer.
Coa anécdota vaino ilustrar Rober: «Cos libros móvome por toda España, ultimamente con Eva, e non hai sitio onde non a coñezan. Vas a Sevilla e a Murcia e sinalan a Eva pola rúa: ''¡'La chica de los vídeos de gallego!''. Se non o ves, no o cres. Que a coñezan fóra de Galicia polo idioma».
Está o futuro do galego en Galicia ou máis na repercusión que ten fóra?
Henrique Monteagudo: «O castelán non vai desaparecer de Galicia, o que temos que conseguir é a plena recuperación do galego»
Por que non se vive máis en galego a día de hoxe? «Porque se perdeu a oportunidade histórica que significou para a normalización da lingua o enorme cambio político, social e cultural que acompañou a implantación da democracia e da autonomía e a extraordinaria mellora das condicións de vida do pobo galego nas últimas décadas», responde Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega, que engade que as dinámicas sociais que viñeran apuxando á substitución do galego, «e que seguiron a propiciar a ruptura da transmisión interxeracional, mantivéronse e mesmo se aceleraron sen un contrapeso eficaz por parte das Administracións públicas».
-A fenda é a cidade, a educación, a política ou está máis na vida cotiá?
-Os factores que condicionan as competencias, as actitudes e as prácticas lingüísticas das persoas son moi variados e afectan de xeito diverso a cada persoa, segundo a súa idade, o seu status social, as súas aspiracións... A ruptura da transmisión do galego nas familias e a castelanización das prácticas lingüísticas ao longo da vida dependen de moitas circunstancias, pero resumindo en poucas palabras, a chave está en que o ascenso social hoxe en Galicia continúa estando asociado ao uso do castelán, hoxe tanto ou máis ca hai cincuenta anos.
-Pensa, como sostivoo Alonso Montero, que a solución non pasa pola inmersión no ensino ou a limitación do castelán?
-Inmersión é un termo que se emprega dun xeito equívoco. Que a rapazada galegofalante teña o seu ensino en galego non é inmersión, como non o é que a rapazada de Cuenca o teña en castelán; é normalidade. A inmersión sería que a rapazada castelanfalante tivese o seu ensino en castelán, e iso só pode facerse cando voluntariamente as familias o desexan.
-Está Galicia condenada a ser bilingüe?
-Penso, como Xesús, que o bilingüismo, e o plurilingüismo, non ten que ser necesariamente unha condena, pero si estou convencido de que o castelán non vai desaparecer de Galicia e que o que temos que conseguir é un marco que permita a plena recuperación do galego, fomentando o seu desenvolvemento e garantindo plenamente os dereitos das persoas que o falan.
-Que medida singular, persoal e concreta, de a pé, lle parece que pode axudar a que se fale galego no súper, na empresa, nas redes ou nos bares?
-Antes de máis, debería porse en marcha unha campaña e unha serie de medidas destinadas a animar as persoas galegofalantes a non renunciar a usar o seu idioma en ningunha circunstancia, pero para iso precisan ter unhas garantías en moitos ámbitos, como o educativo, o administrativo, o laboral, o comercial, etcétera.