A nova divulgación literaria suma voces como a desta parella de libreiros que apostan pola proximidade para manter viva a lectura
28 dic 2025 . Actualizado a las 19:27 h.Faltaban unhas horas para que Lume abrise as súas portas na Coruña cando Eva Cameán e Roberto López Cagiao nos atenderon para esta reportaxe, entre os libros e andeis da renovada librería. «Xa están case todos os estantes listos», anuncian entre risas. Interrompen a conversa cada vez que entra alguén coa caixa dun provedor ou co café de reforzo. Entre bambolinas, respíranse a ilusión e os nervios que produce o novo comezo.
Eva está esta vez para apoiar a aposta do seu compañeiro. Coñecémola pola súa faceta como libreira en Clarión, o seu establecemento de Carballo, e como prescriptora de libros nas redes sociais, desde Instagram a TikTok ou Facebook. O nome de Roberto vai vinculado ao do novo thriller galego, e agora tamén debuta como libreiro. Emprende o proxecto coa súa irmá, Cheché, e a súa nai, Rosy. Os tres fan posible a reapertura dun local que forma parte da historia cultural da Coruña.
Abrir hoxe unha librería, pensan, é «unha tolemia preciosa». «Isto, para facerse rico non é. Pero tampouco era ese o plan. É un acto de amor polos libros e pola cultura», resume el. «Penso que é o soño de calquera que viva arredor dos libros», completa ela.
Xuntos forman unha parella de libreiros convencidos na causa lectora. O seu último proxecto común son os directos en Facebook, que queren converter nun pódcast para plataformas. «A espontaneidade funciona. A xente creo que nos escoita por iso. Agradece a proximidade nas redes, que lles fales sobre literatura como o facemos na tenda, naturais, así como lle gusta consultar o estante coas nosas recomendacións cando entran na libraría», sostén Eva.
O pódcast que conduce con Roberto é tan informal como divertido, con entrevistas a autores en directo. Polos seus micrófonos pasaron desde Rosa Montero a Ledicia Costas ou Ana Lena. «É como estarlle falando a un amigo do barrio», din.
o público máis fiel, en Facebook
Ela foi a primeira en dar o paso e perder o medo de gravar vídeos. «Foi por pura necesidade, non me gustaba nada a idea dos vídeos, pero vía que había un público en internet, fóra de Carballo, onde somos seis librerías, ao que non chegaba. Foi un intento de dinamizar as vendas e chegar a un público que non é tanto de librería», explica. Levou un tempo facerse co público, pero co boca a boca, un día, as vendas comezaron a crecer, tanto na tenda física como na web. «Grazas a TikTok chegas a moito público novo, pero o máis fiel, segundo as estatísticas, está en Facebook», apunta Eva.
Cun libro nunha man e o móbil noutra, sempre hai unha historia agardando polos lectores. «O que máis me emociona é cando alguén me di que comezou a ler, ou que comezou a ler en galego, logo de ver unha recomendación miña nun vídeo», conta Eva.
«E tampouco pasa nada por non ler, ninguén ten que sentirse obrigado a ler», subliña Eva. «Outra cousa é facer apoloxía da ignorancia», engade Roberto. En Lume, o seu soño é que o espazo volva ser un epicentro cultural, con charlas, presentacións e exposicións rodeados de libros.
«A calidade literaria en Galicia é moi boa agora mesmo», expresa Cagiao, ao que lle custa facer unha recomendación para este Nadal. Ten moitas. «Desde Javier Fraiz a Arantza Portabales ou Abril Camino», apunta. Recoñece que á hora de facer recomendacións se deixa levar polo «factor humano». «Non podo recomendar a alguén que sei que é mala persoa», confesa Roberto.
Por iso, nos andeis das recomendacións non figuran sempre os mesmos títulos que os que colocan na sección de novidades, ou na dos últimos premios literarios. «Aínda que cada un ten gustos diferentes, Eva é máis intimista mentres eu son máis de novela histórica ou daquela na que morre xente, ultimamente, coincidimos bastante nos libros que lemos. Polo menos, odiamos as mesmas cousas», di Roberto. Eva sorrí e coincide. «O libro perfecto é diferente para cada persoa», valora a libreira.
E, se a Dua Lipa e Callum Turner os uniu a última novela de Hernán Díaz, Fortuna, unha obra de Cagiao, El guardián de las flores, é a culpable da conexión entre os dous. «Abrín un paquete que me chegara co libro nun vídeo. Ensineino, e a xente comezou a encargalo. Roberto viu e pasou unha tarde asinando exemplares», lembra Eva. «Os libros unen moito», confirman.
E, ante calquera dúbida ou necesidade de suxestión literaria, prometen: «Nós imos estar aquí, recomendando».