«A vida de Carvalho é unha sorpresa interesante»

FUGAS

Héctor Cajaraville achega aos novos a figura e a vida de Carvalho Calero nun libro con sete pezas teatrais para representar
Héctor Cajaraville achega aos novos a figura e a vida de Carvalho Calero nun libro con sete pezas teatrais para representar ManuelGVicente

Héctor Cajaraville achega o escritor das Letras Galegas aos máis novos no libro «A pegada do compromiso», que inclúe sete pezas para representar. «A súa obra ten de todo, é como un menú bufete onde ti escolles o que queres», invita

15 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Temos a imaxe de Carvalho Calero como «un tipo gris e sisudo, só para persoas con bagaxe cultural, pero se te achegas á súa biografía descobres a unha persoa interesante, cunha traxectoria vital mesmo sorprendente», sinala Héctor Cajaraville, que achega aos máis novos a vida e as chaves da obra do homenaxeado nas Letras en Ricardo Carvalho Calero. A pegada do compromiso (Xerais), un percorrido que transita pola biografía do autor con sete pezas para levala a escena. «A idea era que se representasen nos coles e que os rapaces collesen cada unha desas peciñas», di Cajaraville.

 -Son pezas que nos achegan moito á figura.

-Penso que si, que cumpren esa función. Intentei coller os sete momentos cruciais da súa vida e son os que adaptei ao teatro, porque Carvalho Calero era amante do teatro dende neno.

­-É a faceta súa que máis valora?

-Non. El dicía que era poeta sobre todo. O que pasa é que tiña moitas vertentes, e a do teatro de toda a vida. Dise que as primeiras cousas que escribiu, con 12 ou 13 anos, eran pequenas obras teatrais.

­-A primeira ferida foi a morte da nai?

-Si, e o primeiro capítulo do libro péchase cunha peza do falecemento da nai: penso que foi o momento que máis o marcou. El converteuse nun neno maduro, pouco sociable. El mesmo o di, que de neno era máis vello que de vello.

­-Foi precoz o seu pesimismo vital...

-Si, pero é que ademais, tras perder a nai, o pai casou coa súa madriña (irmá da nai) e a madriña morreu ao ano de casar. Ese «mal fario» que tivo na vida parece que tamén lle tocou este ano...

-Debeu agardar décadas para o recoñecemento no Día das Letras.

-Si, ían dez anos de candidatura, e algún ano foi inexplicable que non llo concederan a el.

-Primou o reintegracionismo na ollada sobre a súa calidade literaria?

-Mestúranse cousas. As afinidades ou desacordos persoais que puideron ter con el supoño que tamén pesan. O achegamento de Carvalho Calero ao portugués foi realmente o hándicap. A negativa a recoñecelo era insostible, iso de seguir negándolle á persoa que probablemente máis o merecía de todos os candidatos que houbo nos últimos anos non tiña sentido.

-Semella que o desenvolvemento da escolla e o momento que vivimos cadran coa ironía sutil do autor de «Scórpio».

-El seguramente se estaría rindo por aí, nalgún lado... A partir da guerra, do cárcere, de estar represaliado, desenvolveu unha coiraza de ironía, un humor tendente ao pesimismo. Podería ser un mecanismo de defensa contra os que o marxinaron e o deixaron só.

-Fixo inimigos pola fidelidade ao propio pensamento, polo deber do compromiso consigo?

-El mantivo unha liña, tivo un proceso moi reflexionado... Non foi un veleta ao que lle deu polo lusismo por capricho. Sempre traballou desde o coñecemento. Era o maior referente, probablemente, no ámbito da lingua nese momento. Foi o primeiro catedrático de Lingua e Literatura na Universidade. Carvalho foi un pioneiro, fixo a primeira gramática seria da historia do galego, e fixo a primeira historia da nosa literatura con criterios científicos. Séguese considerando o canon. El, que era sobre todo un poeta, renunciou seguramente a facer traballos creativos por ese compromiso coa lingua e a literatura de Galicia. E a corrente de confluencia co portugués que defendía era a máis natural.

-Por que deben coñecer os rapaces de hoxe a Carvalho Calero?

-Fixo de todo, desde o ensaio á poesía ou a narrativa. Ten relatos de literatura infantil, como As pitas baixo a choiva. Pero o que lles pode sorprender aos rapaces é a versatilidade, a súa literatura como un gran menú bufete, onde colles o que queres. Á parte da súa biografía. A súa vida é unha sorpresa interesante.