Que len os escritores galegos?

O confinamento non é unha soidade idílica nin buscada, pero pode ser unha oportunidade para volver descubrir a lectura. Preguntamos a seis autores que viaxe literaria nos recomendan


Se hai un anceio compartido hoxe por milleiros de personas é o de liberdade. Unha liberación que precisa de seguridade e saúde. A clausura obrigada para frear o espallamento do COVID-19 impide viaxar, pero, para que están se non os libros? Descolgamos o teléfono para interromper a corentena forzosa de seis escritoras e escritores galegos. Estas son as súas propostas para voar e non pensar, polo menos, no tempo que dure o camiño das páxinas.

 «Hai dúas novelas de confinamento que me gustan especialmente. Unha é O conde de Montecristo, de Alexandre Dumas. Fala do perxurio que condena a Edmundo Dantès ao cárcere no castelo de If, da súa fuga, da redención... Hai moitas páxinas dedicadas a buscalo todo cando non se ten nada, cando se está metido entre catro paredes escuras», describe con fascinación Domingo Villar.

A novela publicada por Dumas en 1844 é un clásico imperecedoiro. Atopámola en castelán con Anaya, Plutón Ediciones e Navona, que a reeditou no 2017. Para os fans do manga, tamén hai unha versión en cómic, con Norma Ediciones. O creador do policía máis carismático da ría de Vigo ten unha segunda opción. «Outro libro que me gusta é El asedio (Alfaguara), de Arturo Pérez-Reverte, ambientado no cerco de Cádiz por parte dos franceses nos tempos previos á Constitución de 1812. Hai personaxes fascinantes: un espía que cría pombas mensaxeiras, a herdeira dunha familia burguesa que quere abrir o país a cousas novas, un artilleiro francés ou un corsario tísico que navega pola baía. É un libro entretidísimo», subliña o pai literario de Leo Caldas.

Receitas de evasión

A novela negra é a aposta da autora de Sol de inverno e Resistencia. «Non son capaz de poñerme con textos moi reflexivos. Necesito algo que me enganche, tirar dun fío. A mente tamén quere evadirse un pouco», di Rosa Aneiros. No seu encerro domiciliario combina o teletraballo do seu posto no Consello da Cultura Galega co coidado dos seus cativos. «Xusto antes de que comezase o estado de alarma lin o último de Ledicia Costas, Infamia, e de Pedro Feijoo, Un lume azul. Quemágoa non telos reservado! Tamén me gusta moito Carmen Mola, La novia gitana (Alfaguara). É unha voz nova moi estimulante», comenta. Fai unha última recomendación, o novo de Dolores Redondo A cara norte do corazón (Xerais), e unha confesión: «Cos nenos leo moito infantil. Cousas marabillosas que me alentan case máis que a literatura para adultos: teñen imaxinación, alegría, risas».

Para Juan Tallón o estado de alarma foi coma un atropelo. O escritor ourensán estaba en plena presentación da súa última novela, Rewind (Anagrama), bendicida pola crítica e o público. Unha promoción que espera retomar cando a normalidade volva ás nosas vidas. Mentres, aproveita para escribir unha nova historia e para ler. Todo, na medida do posible. «Custa ser constante na lectura e, cando apetece, a filla, de catro anos, non me deixa», sorrí.

A lectura que o fai viaxar fóra da casa estes días sen moverse de Madrid é Vida privada, escrita por Josep Maria de Sagarra nos 60 e que vén de relanzar Anagrama. Iso si, á hora de recomendar, vai ás orixes. «Unha novela do ano 61, Villardevós (Galaxia), de Silvio Santiago. Estaba descatalogada ata que a reeditaron hai dous meses. A súa galería de personaxes é fascinante. É un libro sobre un mundo xa perdido, a vida nunha aldea. Quen sabe se o que estamos a escribir agora serán tamén historias de mundos desaparecidos. Relativamente breve, é fácil de ler e deixa moi bo recordo», apunta Tallón. A súa vila de nacemento é, como non, Vilardevós.

Hai palabras que son un refacho de aire fresco cando o encerro converte as paredes en xaulas e a poesía non podía faltar nesta listaxe. Falamos coa Premio Nacional de Poesía 2019 por Tempo Fósil, Pilar Pallarés. «Estou lendo, fundamentalmente, a Carballo Calero, por cuestións de traballo, dun artigo. Levo todo o confinamento con el», di Pallarés. A mestra e escritora publicou a comezos deste ano unha antoloxía de poemas do que fora o seu mestre titulada Beleza, verdade (Chan de Pólvora).

Do homenaxeado este 2020 no Día das Letras Galegas queda co seu último poemario, Reticências. E, doutro poeta galego, Luís Pimentel, aconsella un refuxio acertado na súa Sombra do aire na herba (Galaxia). «É unha poesía de carácter existencial moi profunda e depurada. Reflexiona sobre a beleza do mundo e a dor que, ás veces, destrúe esa beleza», explica Pilar Pallarés.

Dun referente a outro. Que le a Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil 1995 Fina Casalderrey? «Estou a ler todo canto atopo sobre Morart e a apaixonante e, en certo modo, atormentada existencia deste xenio da música», desvela a escritora de O misterio dos fillos de Lúa. A súa recomendación é esta: «Unha historia breve, sinxela en apariencia, pero tremendamente profunda. Enderezo descoñecido de Kathrine Kressman, que firmaba co pseudónimo de Kressman Taylor. Trata de dous amigos que se levaban coma irmáns e de como se van distanciando ata chegar a un final sorprendente. Son Max, un xudeu estadounidense, e Martin, un alemán que volve ao seu país coincidindo co ascenso do nazismo. Pouco a pouco, de maneira maxistralmente sutil, imos vendo como esa amizade tan “sólida” se vai arrefriando, carta a carta, palabra a palabra... nunha gradación tan crible (unha efectiva denuncia contra o nazismo) que podemos tocar os sentimentos dos protagonistas coa xema dos dedos».

Ademais, Casalderrey lémbrase da comunidade educativa: «Por suposto, recomendo entrar na vida e obra de don Ricardo Carballo Calero, a través de Primavera das Letras, un proxecto co cal a RAG quere dar a coñecer a figura intelectual e humana do persoeiro homenaxeado de maneira lúdica e atractiva. Velaquí outra cousa que se pode facer dende a casa».

Afonso Eiré estaba a presentar A maxia da auga (Hércules Ediciones) cando o colleu a tormenta do coronavirus. «Estou a reler Tereza Batista cansada de guerra, do brasileiro Jorge Amado», responde. O título é o maior best-seller da historia da literatura do Brasil. Publicado no 1972, aquí editárono casas como Alianza Editorial. «Por que escollín esta? Porque fala da peste. Doutra que afectou a Bahía. A protagonista é unha rapaza á que venden como esclava sexual. Cando os médicos fuxen, son as prostitutas quenes coidan a moitos cidadáns», relata Eiré, que receita tamén relatos curtos para esta época.

Isto penetrará en moitas obras, pero o confinamento é o contrario á soidade dun escritor

Momento de intriga

Coinciden no oportuno que pode ser un bo libro cando a realidade é tan dura fóra. «Como supervivencia, hai que vivir o presente, non tentar darlle moitas voltas ás cousas», di Pallarés. O sector non é alleo ao terremoto económico. «Estes fitos cambian moitas cousas, tamén para os creadores. Hai moitos relatos orais que viñeron despois dos anos da fame, no 1941. Marcaron unha xeración e á literatura. Eu, por agora, son incapaz de concentrarme e escribir novela», admite Eiré.

«Isto penetrará en moitas obras, pero o confinamento é o contrario á soidade dun escritor, que quere rompela cando queira», manifesta Tallón, que escribe, «con determinación», o seu próximo libro. Rosa Aneiros pide que «non nos esquezamos da cultura cando isto acabe, paguemos por ela. É quen nos está a axudar a resistir este illamento», lembra.

«Dediquemos tempo a lecturas máis balsámicas», reivindica Casalderrey, en resposta ao empacho de noticias sobre o COVID-19. Fala de «literapia». «Non sei para as empresas que teñen que ver co libro, pero para a lectura pode ser unha oportunidade para que moita xente volva ler», valora Domingo Villar. «Aprendín que máis alá da neve, e mesmo na neve, nace unha flor», prognostica Casalderrey.

 As recomendacións

 Juan Tallón

«Villardevós», de Silvio Santiago

 «A súa galería de personaxes é fascinante. É un libro sobre un mundo xa perdido, a vida nunha aldea. Estaba descatalogado ata agora. Relativamente breve, é fácil de ler e deixa moi bo recordo».

Pilar Pallarés

«Sombra do aire na herba», de Luís Pimentel

«A de Pimentel é unha poesía de carácter existencial moi profunda e depurada. Reflexiona sobre a beleza do mundo e a dor que, ás veces, destrúe esa beleza».

Rosa Aneiros

«A cara norte do corazón», de Dolores Redondo

«Necesito algo que me enganche, tirar dun fío. A mente tamén quere evadirse un pouco. Este último título de Dolores Redondo gustoume moito, ten entretemento e acción».

 Domingo Villar

«El asedio», de Arturo Pérez-Reverte

«Está ambientada no cerco de Cádiz por parte dos franceses na etapa previa á Constitución de 1812. Co 'Conde de Montecristo', de Dumas, é unha novela de confinamento entretida que me gusta moito».

Fina Casalderrey

«Enderezo descoñecido», de Kathrine kressman

«Unha historia breve, sinxela en apariencia, pero tremendamente profunda. Dous amigos que se levaban coma irmáns, se distancian e chegan a un final sorprendente».

Afonso Eiré

«Tereza Batista cansada de guerra», de Jorge Amado. Un clásico e éxito de ventas no Brasil. «Escollín esta novela porque tamén fala da peste. Doutra que afectou a Bahía. É unha ficción, pero con historia, e tremendamente actual».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

Que len os escritores galegos?