As precursoras da loita da muller

Luz Pozo, Inma López Silva e María Canosa, autoras dos prólogos da colección de La Voz que comeza o 8M, celebran o vigor das pioneiras galegas na defensa da igualdade. A nosa liberdade comeza nas súas letras

A poeta Luz Pozo asina o primeiro libro da colección, «Follas novas», de Rosalía de Castro
A poeta Luz Pozo asina o primeiro libro da colección, «Follas novas», de Rosalía de Castro

Son as precursoras, nais intelectuais e afanosas do 8M, pioneiras dunha loita con moitos elos e nomes que comezan a asomar tras anos de escuridade e desleixo na proxección social da muller. A colección As Precursoras, que La Voz de Galicia comeza a entregar este domingo, 8 de marzo, ofrece aos lectores tres obras cumio na defensa da igualdade e a liberdade das mulleres, tres xoias máis para pensar que para limitarse a lucir.

A mobilización tomou as letras antes que as rúas en Galicia, á vez que Pankhurst lideraba o movemento feminista en Gran Bretaña. Rosalía de Castro (Santiago, 1837-Padrón, 1885), Emilia Pardo Bazán (A Coruña, 1851-Madrid, 1921) e Concepción Arenal (Ferrol, 1820-Vigo, 1893) foron as primeiras en sinalarlle á muller a porta da casa (para saír), con textos que estremecen pola vixencia e o vigor da ollada. A loita feminista fixo músculo, de forma máis manifesta ou discreta, no XIX. É un pulso que aínda se sente vivo nas Follas novas desde as que Rosalía nos fala dende 1880, cunha intención moi clara xa no primeiro poema da obra: «Daquelas que cantan as pombas i as frores /todos din que teñen alma de muller./ Pois eu que n'as canto, Virxe da Paloma, ai! de que a terei?». Un dos primeiros golpes feministas que houbo en verso é este poema das Follas novas que namoraron á escritora Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922), autora do diálogo poético que abre a edición do libro da colección As Precursoras, de La Voz.

«Miña nai e meu pai facían regueifas cos versos de Rosalía», recorda Luz, que mantivo dende nena no seu Ribadeo natal unha relación de complicidade coa autora dos Cantares. «Miña nai sabía máis!», ri nunha homenaxe exprés á figura materna. «Liamos a Rosalía despois de cear, mamá sabía de memoria as palabras da Sombra», recorda.

A primeira obra mestra

A devoción por Rosalía de Castro é patente na obra de Luz Pozo, e nos Diálogos que establece con ela no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, en 1996: «Pasan as follas novas, vellas, de sempre, dos seus días, en forma de documento, de dor humano e de vacío existencial. Fala Rosalía mentres pasa pola vida. [...] Eu vexo a Rosalía como unha dorna trasnoitada, sen vela, desvelada, contra un vento rachado polas costas da morte. Pero ela resiste o temporal. [...] Rosalía é a nosa precondición, que diría Jung».

La Voz entregará Follas novas, co apoio do Concello de Santiago, do concelleiro Gonzalo Muíños, e José Ramón Mosquera, xerente de Tussa, este 8 de marzo. Letras para o día da Muller, nunha edición que incorpora «dúas palabras» da propia Rosalía, que veñen ser máis. «Follas novas non envellece. Cando les o libro á luz da Rosalía feminista non deixas de ver cousas. Proba a ler poemas de Rosalía co MeToo, A xustiza pola man, toda esa ironía literaria. Cada vez está máis vixente a obra de Rosalía», sinala Inma López Silva (Santiago, 1978). Concorda con Luz Pozo e con María Canosa (Cee, 1978) en que Rosalía non deixa de ser un asombro. Hai cousas nunha primeira lectura das Follas que non sabiamos que nos estaba a dicir. «É que as lecturas que se fixeran de Rosalía eran moi patriarcais.

 

Hai que ter en conta o interese que tivo o galeguismo en colocala como un referente maternal. Tivo que chegar a gran vaga feminista a reler a Rosalía e colocala no lugar no que debía estar, que non é un lugar anacrónico. Ela vive, precisamente, o momento no que se inicia o feminismo, coas sufraxistas», engade López Silva, que menciona Carta a Eduarda para romper coa lectura romántica do romanticismo en Rosalía, para ver esoutra autora «máis política, a Rosalía da xustiza social».

As autoras María Canosa e Inma López Silva, na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, na Coruña
As autoras María Canosa e Inma López Silva, na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, na Coruña

Na casa de Emilia Pardo Bazán

Na Casa-Museo de Emilia Pardo Bazán, na coruñesa rúa Tabernas, Inma López Silva e María Canosa celebran La Tribuna (1882), xoia naturalista da condesa de Pardo Bazán que nos convida a pasear por unha Marineda que non mudou tanto co tempo. A obra é a segunda entrega da colección As Precursoras, o domingo 15 de marzo co xornal. A novela, a primeira que dá o protagonismo na narrativa española ao mundo obreiro, dálle a unha cigarreira o liderado da historia. «A Pardo Bazán hai que lela porque está de plena actualidade», advirte María Canosa, autora do prólogo desta edición de La Voz que apoia Ana López, xerente de Marineda City.

Prolífica autora de máis de 600 contos, e de artigos e novelas revolucionarios pola ollada de xénero que nalgúns casos aínda hai que rescatar do caixón, La Tribuna foi a novela que introduciu o naturalismo en España, a terceira da autora, «e parece mentira que pasasen tantos anos desde que a escribiu». «Pardo Bazán foi, claramente, unha pioneira no feminismo. Daquela, non había aínda a conciencia social que comezamos a ter despois. O que tarda agora son os cambios reais na sociedade. Hai que saber mirar atrás, e a quen ollar, para saber de onde vimos e onde queremos chegar», afirma Canosa, que valora o realismo da novela, a construción mestra dos distintos personaxes, «como se mete neles a autora, como describe Pardo Bazán as distintas realidades da sociedade coruñesa, con grandes diferenzas de clase social». «En función da zona na que vivises na cidade, xa eras dunha clase ou doutra, xa te miraban de maneira diferente», subliña a autora de O lado do que dormes. Cambiaron tanto as cousas na Coruña desde o XIX? O barquilleiro non anda pola Marineda, pero hai barrios que seguen defendendo a morte a liñaxe, a súa diferenza de status, non?

Fagan o paseo para descubrir, entre outras cousas, «El Carnaval de las cigarreras», «El conflicto religioso», «La segunda hazaña de la Tribuna», a forza de Amparo e as súas debilidades. Tamén o vigor do intelecto que manda na vida e obra de Emilia Pardo Bazán, rexeitada ata as tres veces na Real Academia, e que alumou en La Tribuna unha relación prohibida; dalgún xeito, a primeira República, e un dos personaxes femininos máis revolucionarios e inspiradores da narrativa española. «Eu destacaría a importancia da lectura na novela. Como as traballadoras elixían a unha que lese ben, que declamase, para que as informase do que pasaba no país e na cidade. Pardo Bazán sinala o poder da formación e a información. É esencial», aprecia María Canosa. Pioneira intelectual e vital, a condesa de Meirás non se acomodou na placidez nobiliaria nin no desalento. «Poderiamos tildar á autora de ter unha posición cómoda, pero se non estivese ela non habería camiño para a muller», di. «Ela encargouse de abrir ás portas tamén para as demais», recorda María Canosa.

«En España nadie ignora que yo soy una persona muy independiente, a Dios gracias; que he escrito y hablado siempre con arreglo a mi modo de sentir», expresou en 1915 Pardo Bazán, que se separou do marido con 40 anos e tres fillos, nun episodio que segue envolto en sombras.

«A min interésame non só a Emilia Pardo Bazán escritora, senón a figura pública», achega Inma López Silva, que a cita no ensaio en primeira persoa que dispara ao machismo na cultura Chámame señora, pero trátame coma a un señor. «Todos temos unha conta pendente con Pardo Bazán. Ela soubo ver que a batalla non podía quedar no elemento literario, senón que tiña que estenderse á visibilidade pública das mulleres. Sabías que Pardo Bazán foi unha bestseller? As novelas de Emilia Pardo Bazán eran as máis vendidas de España, só por detrás de Clarín e Galdós. Era como se hoxe dis Pérez-Reverte. E as cartas Miquiño mío. Cartas a Galdós son tan divertidas, libres, marabillosas. Pura paixón, puro tormento», subliña López Silva.

A desmontaxe de Concepción Arenal

Concepción Arenal, á que Emilia Pardo Bazán propuxo sen éxito para ingresar na Real Academia Española, é a terceira pioneira que reivindica a colección As Precursoras, de La Voz. La mujer del porvenir (1869), que se entregará co xornal o domingo 22 de marzo nunha edición co apoio de Ángel Mato, alcalde de Ferrol, vai prologada por Inma López Silva. «Como Rosalía, Concepción Arenal sitúa ás mulleres como as principais vítimas da pobreza e da miseria», manifesta a autora que triunfa con O libro da filla. «A min gústame moito de Concepción Arenal toda esa perspectiva cristiá, que elas apliquen o humanismo cristián á lóxica da xustiza social das mulleres. É dicir, 'se do que se trata é dunha mensaxe de paz e amor, non me digas ti a maneira'. Concepción Arenal está todo o tempo destapando os abusos. A empatía dela, como a de Rosalía de Castro, coa muller pobre é brutal. Toda esa parte na que Concepción Arenal desmonta a teoría xenetista da inferioridade das mulleres polo tamaño do cerebro é marabillosa. É dunha actualidade total», valora Inma López Silva.

En La mujer del porvenir, un breve pero demoledor ensaio en clave feminista, poderán ver vellos clixés e estereotipos esnaquizadores vixentes. «Ela vai desmontando un a un os estereotipos», afirma Inma López Silva, que descubriu á primeira visitadora de cárceres, pioneira na defensa dos dereitos da muller, cando se estaba a documentar para a novela Aqueles días en que eramos malas. «Curiosamente, cando a lin, púxena en relación coa Rosalía de Castro dos ensaios, a das Literatas. Agora volvín a La mujer del porvenir e confirmei as miñas primeiras impresións. A súa mensaxe segue viva e o seu proxecto aínda está incompleto. A muller do porvir é un texto actual, que aínda interpela a mulleres de futuros que deberán chegar», asegura López Silva.

Hoxe non hai que disfrazarse de home, como fixo Concepción Arenal, para ir á Universidade. Máis aínda segue sobre a mesa, na casa, na rúa, a pregunta que se fixo a primeira visitadora de cárceres: Que lugar ocupa a muller? «La mujer más virtuosa e ilustrada se considera como inferior al hombre más vicioso e ignorante», escribe Concepción Arenal. A muller do porvir é filla da intelixencia e o labor das pioneiras.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
12 votos
Comentarios

As precursoras da loita da muller