Karima Buyemaa Mendi naceu hai 11 anos nun pobo do Sáhara, e pasou os últimos catro veráns cunha familia galega no concello lucense de Castro de Rei. Fala galego a cotío tanto coa familia de acollida coma co resto dos rapaces da vila, para sorpresa de moitos deles. Onte á noite emprendeu a viaxe de volta cara o Sáhara.
-¿Como é a túa vida no Sáhara?
-Vivo nun pobo que se chama Esmara. Teño cinco irmáns, dous maiores e tres máis pequenos ca min. Pero gústame moito Galicia, porque xa levo vindo catro veráns aquí. Este foi o cuarto. Sempre estiven con Belén, en Castro (Lugo) e cos seus fillos, Diego e David. E espero poder volver aínda o próximo verán.
-¿Gustaríache máis vivir aquí que no Sáhara?
-Se a miña familia viñese comigo para aquí, si. Pero eu soa, non.
-¿Falas sempre en galego cando estás aquí?
-Si, case sempre. O ano pasado aínda o falaba regular, pero este ano moito mellor. Ás veces non entendo ben á xente maior dos pobos porque falan algo diferente. Pero como na casa Belén e Ton falaban moito en galego cos seus fillos, aprendín rápido. O primeiro ano non falaba galego nin castelán, e case nos entendíamos por señas. Pero agora falo os dous sen problema, e case falo demais.
-¿Exprésaste mellor en galego ou en castelán?
-Para min é o mesmo falar en galego que en castelán, aínda que máis cómoda por agora síntome co árabe.
-¿Cantos idiomas utilizas?
-Árabe, que é o que falo na escola; e saharauí, coa miña familia e cos amigos no pobo. Tamén entendo un idioma que se emprega moito en Marrocos, o sluha. Cando vou a sitios como Tinduf, hai moitos que falan este idioma e eu enténdome con eles moi ben, porque estiven moito tempo vivindo en Tinduf cando era pequeniña. Encóntrome con moitos amigos de entón, e eles non saben falar árabe nin saharauí; e empregamos o sluha.
-¿Resúltache doado o galego ou é unha lingua complicada?
-É máis doado que o árabe. O primeiro ano que vin aquí non sabía falar nada, e só en catro veráns aprendino sen esforzo. Agora tamén o sei ler, máis ou menos. Xa leo algúns libros dos que empregan os nenos de aquí na escola, pero aínda teño que mellorar.
-¿Algún compañeiro teu tamén sabe falar galego?
-Si, teño unha amiga de oito anos que tamén leva vindo catro veráns a Galicia, que xa sabe falar galego igual ca min. Non sei en que sitio de Galicia estivo este verán. Irei con ela agora na viaxe de volta para o Sáhara.
-¿Pasáchelo ben cos rapaces de aquí?
-Si, moi ben. Montamos moito en bicicleta, que aínda aprendín o ano pasado a andar nela, porque no Sáhara non tiña moito equilibrio. Tamén fun a un campamento, estivemos nas praias en Pontedeume e en Foz, viaxamos a Asturias. ¡Uf, paseino moi ben!
-¿E gústache a comida de aquí?
-Si, moito. O que máis me gusta é a pizza, e despois a tortilla e o espagueti. Tamén eran as miñas comidas preferidas no Sáhara.
-¿Gústanche máis que as vosas comidas?
-Si, prefiro eses tres pratos que calquera do Sáhara. Engordei case catro quilos este verán [risas]. E iso debe ser porque me gusta moito a comida de aquí.
karima buyemaa mendi saharauí que fala galego tras catro estadías de verán
«Gústame moito a comida de aquí, engordei catro quilos este verán»