Teme o momento do xuízo polos seus pais, pero confía na xustiza
16 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Sara Monteagudo Caldas (Moraña, 1974) perdía ao seu irmán Enrique, Lucho, o 22 de xullo do 2010. Tiña 29 anos. Foi unha morte violenta que tivo lugar na Pontenova (Cuntis), unha paraxe próxima á vivenda familiar de Santa Cruz de Lamas e ao encoro do Umia. Para ela, para Luis, o seu home, e sobre todo para os seus pais, Ramiro e María Isabel, xa nada volveu ser coma antes. A mediados de outubro terá lugar o xuízo con xurado na Audiencia de Pontevedra. Catro persoas están na cadea, en prisión preventiva, como supostos autores do crime. Sara, que é forte, ten claro que para os delictos de sangue «non hai reinserción posible».
-Vanse cumprir tres anos. ¿Axuda algo o paso do tempo?
-Estes tres anos foron malísimos. O de que o tempo vai suavizando... pois no noso caso vaino facendo moi lentamente. Seguimos levantándonos á mañá pensando nel e seguímonos deitando pola noite pensando nel e en todo o que pasou. Despois calquera cousa ao longo do día nos leva a el, ao recordo.
-As primeiras detencións producíronse once meses despois do crime. Supoño que lle darían moitas voltas á cabeza...
-Nós sempre confiamos moitísimo na Garda Civil e eles nos dixeron desde o primeiro momento que, aínda que tardaran un ano, dous ou tres, ían coller a quen o fixo. Confiamos e esperamos con moita paciencia. E ao final conseguimos o que se quería, que foi que os detiveran. A dous aos once meses e aos outros dous, oito meses despois.
-Un dos imputados, Adrián Ferro, foi sospeitoso para os investigadores desde o minuto un. ¿Como o viviu?
-Si, pero iso nós non o soubemos ata o momento da detención. É máis, a Adrián detivérono un día ao mediodía e nós non soubemos de quen se trataba ata o día seguinte pola mañá. Non sabiamos que lle andaban enriba, que ían a súa casa nin que o estaban investigando. Parece que era un segredo a voces, pero a nós ninguén nolo dixo.
-E resultou que a familia de Adrián é coñecida da súa...
-Coñeciamos á familia. De feito, a casa dos meus pais e a de Adrián están separadas soamente polo río Umia. Desde a casa dos meus pais vese a deles. Veciños case e familias coñecidas. Meu pai traballou cun tío del e estivo na casa de Adrián cando se fixo. O shock foi aínda peor.
-Os seus pais vivían na casa de Santa Cruz con Enrique. ¿Como o están levando porque van ten que testificar no xuízo?
-Meus pais non son maiores, pero eles... É que meu irmán era boísimo. Nunca nos dou un problema na casa [Sara emocionase]. Eles lévano fatal, miña nai está cun montón de medicación. Tiveron que marchar da súa casa e se viñeron a vivir con nós porque o estaban pasando moi mal. Non nos volvemos sentar na mesa na casa dos meus pais nolos tres. É moi duro, como en todas as casas todos temos a nosa cadeira e a del está baleira.
-¿Teme o momento do xuízo?
-Temo polos meus pais. E tamén por estar alí, oír o que digan. Pero eles queren estar. A miña nai xa non puido estar no enterro e di que ten que estar. Vai ser duro, velos alí e sobre todo se van coa prepotencia coa que foron ao xulgado de Caldas, de chulos. Din que os ollos son o espello da alma, pois as fotos deses días están aí para velas. Aínda é máis duro, é como dicir ??Aquí estou eu, fixen?? e parece que lle temos que escapar.
-Unha vez nos xulgados de Caldas dixéronlle que o seu irmán tampouco era ningún santo. ¿Difícil conterse?
-Eles téñenos aí, no cárcere, e nas visitas pódenos abrazar e falar con eles, teñen chamadas. Nós non podemos facer iso nin poderemos facelo nunca máis na vida. Esa é a diferenza. Non podo entender que unha persoa faga iso, cando o mínimo que ten que mostrar é respecto.
-Non houbo denuncias, pero si algún problemiña, ¿non?
-Houbo malos rollos. De feito, nunha das primeiras veces un familiar deles díxonos que nos ía calar a boca. É normal que un colla medo. Se saio tarde de traballar prefiro que me acompañen ou esperar por Luis. No garaxe estás alerta, se meu pai foi a Santa Cruz e se retrasa, pensas ??Non vaia ser que lle fagan algo??. Tes medo. Se son capaces de facer o que fixeron e de dicir esas cousas diante da porta dun xulgado, que serán capaces de facer de noite e nun sitio apartado. Denuncias para que, para liar máis o tema, non.
-¿Como explica que uns mozos acaben así, estragando a vida doutro e as súas propias?
-Porque non son persoas. Pero aquí só hai unha vítima que é meu irmán, despois estamos nós, que o sofrimos e aos que nos cambiou a vida totalmente. Agora veñen as Navidades ou un cumpreanos e nada é o mesmo, nin será o mesmo, claro. Enrique traballou desde os 16 anos, era soldador calderero de primeira e xubilárono había pouco tempo por un accidente de moto. Non era un quinqui que nunca traballara. Era unha persoa que che quitaba os problemas de enriba se podía.
sara monteagudo caldas irmá do mozo asasinado no encoro do umia
«A casa dos meus pais e a de Adrián están separadas soamente polo río Umia»
«Aquí só hai unha vítima que é meu irmán, despois estamos nós, que o sofrimos»