Xa non queda na memoria aquela imaxe exótica dun alumno/a cos rasgos faciais distintos nunha clase do colexio. Agora a porcentaxe de nenos inmigrantes é considerable. En todas as titorías temos representación de moitos lugares ; do Caribe (Cuba, República Dominicana, Haití... ), de Sudamérica (Perú, Brasil, Colombia, Uruguay?), de países centroeupeos (Romanía, Rusia?), de países africanos (Marrocos, Etiopía?) e países asiáticos. Un 17% do alumnado do colexio Lois Tobío é inmigrante; dos 312 alumnos/as matriculados no Centro, 55 son de procedencia estranxeira.
Temos que destacar as grandes dificultades para os Equipos directivos, Departamentos de Orientación e Profesorado dos centros para a organización da función educativa e aproveitamento dos recursos que nunca son os suficientes para atender as necesidades educativas do alumnado dende o momento da acollida ata continuar coa súa progresión académica.
A diversidade non é soamente un aspecto externo senón que é un concepto moito máis profundo: culturas, linguas, prioridades, valores..., incluso expectativas diferentes cara á escola e cara á vida. A Lei vixente permite certa flexibilidade á hora de integralos nun curso determinado. Trátase de incluilos no curso que lle correspondería pola súa idade, pero a meirande parte das veces resulta conveniente pedagóxica e persoalmente integralos nun curso inferior debido ao desfase curricular e ás dificultades lingüísticas, atopándonos casos de alumnos de 11/12 anos que apenas acudiron á escola. A pesar de todo, resulta enriquecedor para tod@s poder estar vivindo nesta mestizaxe de alumnos porque nos permite contrastar aspectos culturais tan distintos e observar o afán de superación dos pais/nais e nenos/as; ou simplemente recodar que o noso país tamén foi emigrante. Equipo directivo e departamento de Orientación do Colexio Lois Tobío.