O tempo de Breixo

La Voz

PONTEDEUME

25 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Breixo sabía dende había moito que o tempo non é o que marcan os reloxos. ¿Como explicar se non que todos os momentos estelares da nosa existencia se poidan reducir a tan só uns cantos segundos, mentres que aqueles que premen na nosa memoria con máis forza polo desagradable da súa natureza teñan durado horas ou días enteiros? É, se cadra, como o que acontece coa linguaxe, que moitas veces queda pequena á hora de expresarmos grandes sentimentos. Así, do mesmo xeito, ese reloxo supremo ao que nos someten dende que nacemos non deixa de reducir a nosa existencia a un cómputo absurdo de segundos e horas que non fan outra cousa que agoniarnos no noso decorrer pola vida.

A cuestión era realmente complexa, pero el foi quen de darlle solución de xeito eficaz: o tempo para el marcaríano os latexos do corazón, de maneira que cada latexo sería un intre máis de vida. Do mesmo xeito, a intensidade e frecuencia coa que estes se producisen marcaría a importancia dos acontecementos. Así, un cómputo ilustrativo sería: 1 bico=10 latexos intensos e acelerados, a fin dun libro sorprendente=20 latexos profundos e intrigantes, ou a perda dun ser querido=15 latexos lentos e entrecortados.

O sistema era para Breixo realmente eficaz, xa que lle permitía vivir cada momento coa duración exacta que el quería que tivera. Non tiña máis que sentir o sangue chegar aos límites do seu corpo para comprender que a vida lle regalaba un novo intre de existencia. Tan orgulloso chegou a sentirse do seu método que pasaba o día comparando o seu tempo co que marcaba o enorme reloxo que presidía o salón da súa casa. Así, a cada latexo, erguía a vista e ría ás gargalladas ao comprobar que era el o que lle estaba a gañar a partida a aquel antigo sistema. A cuestión se cadra era esaxerada, xa que non foron poucas as mozas que o deixaron por estar a contemplar o seu reloxo mentres elas se esforzaban por darlle apaixonados bicos, mais para Breixo o tempo, o seu novo tempo, era o máis importante.

Foi unha mágoa que a mediados do mes de maio tivera un accidente de moto co irmán onde o seu benquerido Raúl falecera, xa que a partir de entón, os latexos de Breixo deixaron de ser profundos e vigorosos para iren esmorecendo cada vez máis naquel reloxo interno que el creara. Todos intentaron animalo, e mesmo lle encheron a casa de reloxos coa intención de distraelo naquel seu novo entretemento, pero para Breixo xa non era o mesmo, xa que naquel pequeno reloxo interno, el sabía que o culpable da morte fora el por conducir a tan alta velocidade.

Os días pasaban cun lento decorrer, xa que os latexos reduciran a súa frecuencia e, en consecuencia, as horas daqueles aparellos temporais que rodeaban a súa agoniante existencia eran agora as que ían gañando, xa que os latexos do coitado Breixo non eran quen de lle seguir o ritmo a aquelas infinitas agullas.

O tempo comezou a ser impreciso, a súa lentitude desconcertaba ao rapaz, que seguía alzando a vista e laiándose polo seu fracaso. Mesmo chegou a pecharse na casa impedindo que o visitasen. A loita era xa a porta pechada entre o tempo que aqueles reloxos lle impuñan e o seu propio tempo que a cada intre sufría máis por continuar cun novo latexo.

Ninguén sabe que ocorreu con aquel rapaz ao que nunca máis se volveu ver cerca do lugar, mais os que entraron na casa logo de moitos días contaban arrepiados a estraña imaxe que contemplaran os seus ollos, e é que todos os reloxos que inundaban as estancias da casa daquel rapaz ficaran incomprensiblemente parados na mesma hora intemporal dun intre infinito.

LORENA RIVEIRO RODRÍGUEZ

naceu en Madrid hai 17 anos e estuda Xornalismo en Santiago. Os seus relatos foron premiados en certames como o Minerva, o Entre nós en Galego, o Vila de Pontedeume, o Concello de Ames ou o Vialis de Relato, entre outros.