O mecenado tamén é un Pasatempo

O proxecto Concomitentes permite á cidadanía de Betanzos encargar unha obra de arte para a súa vila, igual que no cambio de século fixeron os irmáns García Naveira

Vista do parque do Pasatempo de Betanzos
Vista do parque do Pasatempo de Betanzos

santiago / la voz

Volveron co alcume de indianos cando estaba a piques de abrollar un novo século e utilizaron a riqueza que labraran no outro lado do océano para mellorar a vila que os vira medrar. O labor filantrópico dos irmáns García Naveira construíu tamén un dos parques máis fermosos e enigmáticos que existen, un compendio de lugares exóticos e de grandes progresos do ser humano. Hoxe, declarado ben de interese cultura e agardando a que se deteña o seu evidente deterioro, segue ser «un exemplo de mecenado». Fran Quiroga é mediador nun proxecto que vén afondar nese labor filantrópico que sementaron os irmáns betanceiros. Concomitentes quere que sexa a cidadanía a que comanda que un artista desenvolva unha obra de arte. O mecenas, neste caso, é a veciñanza.

Concomitentes é algo así como o metamecenado, porque o proceso participativo que se abriu para que a comunidade betanceira escolla obra de arte é parte dun gran proxecto de filantropía da Fundación Daniel e Nina Carasso coa que xa se ten intervido dende os anos 90 en máis de 400 espazos en toda Europa e que por primeira vez chega a Galicia.

«O que se busca é democratizar a arte. Que no canto de que sexa a burguesía ou alguén con recursos económicos a que pida que se desenvolva unha obra, se lle dea a volta e sexa a cidadanía a que pida a obra». Ao longo dos últimos meses desenvolvéronse unha serie de reunións participativas. Non é só unha obra. É reflexionar sobre o compromiso cun importantísimo legado que non recibiu o coidado que debera e a corresponsabilidade. E faise de moi diversos modos, como durante unha paseo, a través dunha conversa sobre arte e cidadanía e ata durante unha foliada.

É un xeito de paliar a desconexión que hai entre arte e cidadanía implicando tamén á sociedade civil a través das asociacións os Amigos do Parque do Pasatempo os do casco histórico de Betanzos e Roxín Roxal.

«Queriamos saber que busca profundamente a xente coa obra». E emerxeron ideas como que a obra debe de atender a un reto contemporáneo, como facían as obras dos irmáns García Naveira. Emerxeu tamén a idea de participación, que a obra vaia nesa liña e tamén na de aprendizaxe, como o mesmo parque do Pasatempo. Agora queda saber que artista culminará este proceso, que en si é tamén parte da obra de arte.

«Os públicos son moi amplos e os da arte contemporánea non só ten que ser a o comunidade artística per se, senón o conxunto da cidadanía», explica Fran Quiroga. «Temos que ver que mecanismos pomos en marcha para que a xente se sinta parte». Como o proceso artístico de Betanzos, que incorporou o feito artístico a un proceso que agroma dun elemento que une á cidadanía, como o Pasatempo.

E volta ao mecenado. «O mundo da arte e o sistema cultural ten unha dependencia moi grande da Administración» e contar con outras vías de financiamento daría moita más liberdade de creación.

Imaxe dunha das xuntanzas sobre o Pasatempo
Imaxe dunha das xuntanzas sobre o Pasatempo

Un substrato presente nas comisións de festas populares

Fran Quiroga foi, canda María Xosé Porteiro, un dos coordinadores da xornada sobre o mecenado que organizou o Consello da Cultura e que vén de publicar as súas conclusións. «Os museos públicos e as institucións teñen que atender estas demandas cidadás. E temos que ver outros mecanismos que nos permitan crear en liberdade». E un deles é o mecenado.

Que mecenado? «Un con compromiso social, un mecenado que atenda aos retos contemporáneos nos que vivimos», explica Quiroga, como cambio climático ou a desigualdade. E que contribúa á corresponsabilidade, «que todos sexamos corresponsables na procura de solucións». Aquel que teña máis recursos ou capacidades debe contribuír máis.

 

O mecenado non calla porque non é parte da nosa cultura? «Nós asumimos que a través dos impostos o Estado ten que desenvolver ese papel». Porén, a sociedade fai ese mecenado, ten un substrato: «Un claro exemplo son as festas populares, nas que a veciñanza contribúe e hai esa idea de mellora e benestar, ou mesmo os equipos deportivos de barrio, de base». Ou as máis de 250 escolas que foron construídas polos indianos. «Xa hai unha cultura de ese mecenado, o que precisamos é alentala e impulsala». di o coordinador da xornada. O desafío é que ese substrato histórico na poboación galega tamén debe alentar proxectos máis arriscados, máis experimentais, con vías cruzadas, como por exemplo a arte e a ciencia.

En realidade, xa está funcionando, e funciona por exemplo con iniciativas de micromecenado, co que se dotan de recursos incluso proxectos científicos. «É esa clara transposición dese concepto das festas a outro tipo de proxectos», explica Quiroga. «O mecenado non é só unha cuestión de ricos, é unha cuestión de todos» e é importante ter conciencia do papel que a cidadanía ten na mellora e o beneficio súa contorna.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O mecenado tamén é un Pasatempo