O debuxante Siro López doa á Universidade da Coruña todo o seu legado bibliográfico
A CORUÑA
A colección reúne as investigacións e exemplares recompilados ao longo de 50 anos
09 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A Universidade da Coruña (UDC) conta xa na súa biblioteca da Facultade de Filoloxía con toda a bibliografía de Siro López Lorenzo (Ferrol, 19 de xaneiro de 1943). Este mércores ao mediodía terá lugar o acto institucional na propia biblioteca. Nin se sabe o número de obras que suma este legado. «Un quintal», calcula Siro. Tanto polo seu peso como pola súa calidade investigadora. Non en van é o produto da obsesión e do talento dun home que viviu toda a súa vida pegado a un lapis e a mil cousas máis. Con obras recompiladas polo autor en todos os recunchos do mundo, este reputado humorista gráfico, caricaturista e ensaísta galego levantou así unha biblioteca particular coas mellores obras de todo o relacionado co humor nos últimos 50 anos.
Como caricaturista e humorista gráfico deuse a coñecer en 1970 na revista Chan. Despois colaborou en Ferrol Diario, El Norte de Galicia, El Ideal Gallego, La Región e La Voz de Galicia, da que forma parte desde 1984. Colaborou tamén en distintas revistas. Realizou programas radiofónicos, escribiu e dirixiu guións de series e realizou dous traballos sobre Castelao como humorista gráfico e literario. No ano 2000 realizou as primeiras mostras como pintor.
«Empecei a interesarme por este mundo en 1970 co debuxo de humor e as caricaturas», lembra Siro López. Foi un ano despois cando descubriu un libro clave, O segredo do humor, de Celestino Fernández de la Vega. «Cando o leo decátome de que esa temática me resulta descoñecida, pero atraeme dunha maneira fascinante», explica. E aí comezou todo. En 1973, lembra, «unha persoa ofréceme todos os exemplares de La Codorniz e convertinme entón en coleccionista de humor». E esa devoción cedeulla agora á universidade porque o que el máis quere é que «o profesorado e o alumnado se decaten de que é algo fundamental na cultura de calquera país».
Para Siro López, o creador do humor en Galicia foi Castelao. Entón comezou a estudalo e investigar de quen aprendera e en quen se inspirara o intelectual galego. «Empapouse dos debuxantes da revista Simplicissimos. Sobre todo dun dos seus autores, Olaf Gulbransson. Así que empecei a estudalos. Gozaba tanto que me puxen a coñecer a evolución do humor gráfico, a súa filosofía e adquirín exemplares, sempre orixinais de todas partes do mundo».
Nunha desas viaxes visitou Celestino Fernández de la Vega —autor de O segredo do humor—, lle suxeriu que escribise a segunda parte. «Respondeume que iso téñoo que facer eu, e co tempo fíxeno. Tituleino Cervantes e o Quixote, a invención do humorismo». Outra xoia para o legado do que agora todo o mundo pode gozar.
«Gocei tanto que me envorquei en estudar a evolución e a filosofía do humor»