¿Onde termina O Courel?

Francisco Albo
Francisco Albo QUIROGA

CIENCIA

Reportaxe | Ordenación do patrimonio medioambiental O proxecto de creación do parque natural obrigará a delimitar con máis claridade e con criterio científico un territorio cuxos límites foron ata agora bastante difusos

07 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

PROXECTO DESBOTADO. A primeira proposta de ordenación do espazo natural non sinalaba límites entre O Courel e Os Ancares A creación do parque natural do Courel obrigará durante os próximos meses a delimitar con precisión os límites das áreas protexidas que conformarán este espazo. Isto suporá definir un territorio natural cuxos límites son ata agora bastante difusos e, sobre todo, fará necesario trazar unha raia que separe con nitidez este espazo da veciña Serra dos Ancares, que contará co seu propio parque natural. Ata o momento estaba xeralmente admitido que o espazo natural da Serra do Courel abarca un territorio bastante máis extenso que o do municipio homónimo. Pero o que non están moi claros son os límites de tal territorio, que comprendería -segundo se menciona habitualmente nas guías turísticas, nas enciclopedias e noutros lugares- o municipio do Courel, grande parte do municipio de Quiroga e algunhas partes doutros municipios limítrofes. Entre estes acostuman citarse os de Samos, O Cebreiro, O Incio, Triacastela e Brollón, pero sen delimitar con moita claridade que porcións destes territorios poden considerarse como integrantes do espazo natural do Courel. A situación complícase cando hai que definir o contorno deste espazo natural cun criterio científico, porque os seus límites non coinciden coas fronteiras administrativos dos municipios e das comarcas. O biólogo Javier Guitián, un dos expertos que asesorarán á Consellería de Medio Ambiente para trazar o plano de xestión do futuro parque natural, sinala a este respecto que a zona sur do municipio do Cebreiro debe considerarse como unha parte da Serra do Courel. «Imaxino que o novo proxecto incluirá esa zona como parte integrante do parque do Courel, porque desde o punto de vista do medio natural pertence claramente ao Courel», comenta. Nesta parte do Cebreiro encóntranse, entre outros espazos de interese natural, as devesas do Faro e Riocereixa, moi semellantes ás típicas devesas do Courel. O mesmo sucede, na súa opinión, coa zona do Val do Lóuzara, que pertence ao municipio de Samos. Novo enfoque A cuestión dos límites entre os espazos naturais do Courel e dos Ancares non se formulaba no primeiro proxecto de creación do parque natural presentado pola Consellería de Ambiente xa que, nun principio, estaba previsto englobar ambos territorios na mesma figura de protección. O plano de ordenación dos recursos naturais da zona Os Ancares-O Courel que elaborou o anterior goberno autonómico e que debía servir de base para a creación do parque, dividía este territorio en dous grandes espazos conectados por unha especie de estreito corredor na parte oriental dos municipios das Nogais e Pedrafita do Cebreiro. O espazo situado ao sur incluía nun mesmo bloque indiferenciado territorios pertencentes aos municipios do Courel, Pedrafita, As Nogais, Triacastela, Samos, O Incio, A Pobra do Brollón e Quiroga, comprendendo incluso unha prolongación no municipio de Ribas do Sil a través do val do río Lor. Esta formulación quedou desbotada desde o momento en que Medio Ambiente decidiu crear dous parques naturais diferenciados en vez dun só. Os técnicos da consellería deben agora decidir por onde se trazará a liña divisoria entre ambas zonas, que serán xestionadas de forma independente e que contarán con regulamentos diferentes, adaptados ás características e aos valores naturais e culturais propios de cada territorio. Os concellos, as asociacións veciñais e a comunidade científica tamén deberán expresar os seus puntos de vista coa finalidade de establecer unha división entre os dous parques naturais. Previsiblemente, haberá que examinar moitos datos e manter bastantes discusións para deseñar entre os dous territorios un límite que xa non poderá seguir sendo tan ambiguo.