A importancia das ciencias

La Voz

CIENCIA

O pombal Exposicións e obradoiros conforman o programa da semana que o instituto Asorey de Cambados adica ao estudio do medio ambiente e, moi especialmente, do río Umia

08 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Os responsables do instituto cambadés están esta semana de celebración. Pero trátase dunha festa moi especial. É a semana das ciencias e co fin de divulgar a importancia que estas teñen na sociedade prepararon un completo programa de actos destinado ao alumnado, pero tamén aos mestres. Os departamentos de Ciencias Naturais e Normalización Lingüística, encargados deste programa, decidiron centrar o traballo nos ríos, en especial, no Umia que queda moi preto do centro. Así, durante os próximos días os alumnos aprenderán a coidar estes ecosistemas. Unha exposición anima estes días as paredes do centro. Nela amósase a diversidade dos ecosistemas acuáticos que existen en Galicia. A mostra está organizada pola estación de hidrobioloxía Encoro do Con e foi instalada no centro coa axuda de Candea. Por ela pasarán todos os alumnos deste centro, que tamén terán que realizar actividades coma comentar imaxes sobre a situación que atravesa o río Umia ou ler libros. Os estudantes do Asorey poderán ademais participar en obradoiros que lles expliquen as consecuencias do abuso no consumo da auga. Unha iniciativa que pretende inculcarlles a necesidade de coidar os recursos naturais e de aforrar enerxía. Será o grupo Ventos o que se encargue de amosarlle todas estas cousas durante varias semanas. Por se todo isto fora pouco, os mestres elaboraron tamén unha montaxe audiovisual sobre as cores do outono que se proxecta todos os días no recreos.