Soledad Vidal: «Cada día creo máis no carácter multidisciplinar da arte»

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO/ LA VOZ

VIMIANZO

ANA GARCÍA

«Cantares Atlánticos», fermoso espectáculo desta soprano de Camelle, chega mañá a Vimianzo, e ademais coa colaboración especial de Teté Teatro

21 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá • Vimianzo sempre ten unha desas paradas necesarias na axenda cultural da comarca, mais mañá, se cabe, aínda máis. Á Casa da Cultura, ás 20.30 horas, chegará o espectáculo Cantares Atlánticos, da soprano Soledad Vidal, de Camelle, e o pianista Aurelio Virivay. Terán para a ocasión unha colaboración moi especial: Teresa, Sara e Caridad, as Teté Teatro de Salto. «Un espectáculo musical, audiovisual, teatral e emocional»: todo iso avanzou en Radio Voz Soledad Vidal no tocante á cita de mañá, para a que se poden conseguir entradas en woutick.es, na Casa da Cultura ou mesmo unha hora antes do inicio.

—Con «Cantares Atlánticos» pasou xa por Camariñas ou Arteixo, pero será distinto.

—Si, muda un pouco a narrativa. Unha obra a medida que se representa cobra vida, evoluciona, pide máis cousas. Teté Teatro foi un catalizador para incorporar elementos novos. Estou moi ilusionada.

—Cantigas de amigo, Rosalía, Cabanillas, Celso Emilio... Toda esta literatura está na súa voz. Cal é o fío condutor?

—A muller en Galicia. A posición que esta tivo que enfrontar por circunstancias sociais, xeográficas, culturais... Soidade, situacións duras, viúvas, mulleres cuxos homes marcharon e non volveron ou fixeron a súa vida noutro país. Ausencias longas, sen comunicación... Todo isto imprime un carácter, crea unha muller especial. A galega ten unha dualidade: é forte e doce. Percorremos o concerto da man dun personaxe principal, María Soliña, cunhas vicisitudes extrapolables a tantas mulleres, algo que tamén nos permite falar desa emigración galega. Son dúas temáticas cun final de Rexurdimento.

—Mencionaba a música, mais tamén o audiovisual. Que é o que se proxecta no concerto?

—O resultado dun proxecto de investigación que fixen nun máster. Pensei en ofrecer non un concerto prototipo clásico, senón en achegar ao público xeral a canción lírica galega. Estreeino en Madrid con gran éxito. Confirmei así que a arte non ten fronteiras, que aquilo que cala e transcende é o que une o local e o universal. Colaborou comigo unha arquitecta e fotógrafa ferrolá, Ana Amado, coa que compartín a idea e fomos deseñando un discurso narrativo visual a través de imaxes que tiña no seu arquivo, tamén algunha da curta Lavadoiro e outras cedidas polo Museo do Pobo ou o Arquivo de Galicia. Hai imaxes propias tamén, que me tocan moito, imaxes familiares... Intentei rescatar de todas as fontes.

—Semella que o mar ten moito simbolismo para vostede.

—Totalmente. Determina dende o tipo de relación entre as persoas á economía dun lugar ou como a xente toma decisións. Meu avó materno era percebeiro, patrón, lembro as noites en vela con miña avoa, as conversas, o esperar, mirar pola ventá... E coma ela, moitas.

As Teté Teatro de Salto (Vimianzo)
As Teté Teatro de Salto (Vimianzo) BASILIO BELLO

—Como se deu a colaboración con Teté?

—Coñézoas de hai moito. Miña nai, Rosario Devesa, directora de teatro, é quen está ensaiando con elas as pequenas intervencións que farán no concerto. Xa colaboraran para un encontro do liño en Baio, e ese foi o enlace para volver agora a elas. Un día fun ver unha obra de teatro a Vimianzo, á saída vin a Teresa e acendéuseme a luz. Quería unha representación feminina para o espectáculo. Cada día creo máis no carácter multidisciplinar da arte. Este é un espectáculo para todos os públicos, que vai tocar a fibra sensible, todos temos oído ou vivido historias destas.

—Dá por cumprido un soño?

—Estase facendo realidade. Estiven unida á música dende nena. Toquei piano, acordeón, gaita e cantei sempre. Pero fixen Dereito, oposicións, son interventora da Administración local, e diso traballei dez anos. Ao tempo, estudaba canto no Conservatorio. Chegou un momento no que decidín pedir unha excedencia e lanzarme. Iso de «agora ou nunca» séntese.