Bruxo Queiman: «Será un espectáculo único, feito á carta para Vimianzo»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Maensa Fotografo Freelance

Mañá, «Lume en terras irmandiñas», na que sería a noite o do Asalto ao Castelo | O Bruxo Queiman avanza unha sesión cargada de sentimento e forza

02 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Se este fose un ano normal, un ano coma os que había antes da pandemia, hoxe sería noite de Cea no Castelo en Vimianzo e, mañá, noite de Asalto. Non será así, como non foi no 2020 tampouco. Malia todo, algo (ou moito) dese espírito haberá, pois o Concello programou para este sábado 3 de xullo, na fortaleza, ás 22.30 horas, o espectáculo Lume en terras irmandiñas, da man da compañía Queiman e Pousa, co Bruxo Queiman como mestre de cerimonias e coa impresionante voz de Andrea Pousa. Son 400 as prazas, 400 asentos, e os interesados en adquirir billete deberán acudir, ata hoxe ás 14.00-15.00 horas, á Casa da Cultura, sempre e cando queden.

«Un espectáculo digno de anegar as paredes do noso castelo da maxia que merece, na conmemoración dun Asalto particular», avanzou no seu día o Concello. «Un espectáculo único, feito á carta para Vimianzo e para esa celebración irmandiña», abundaba este mércores o propio Bruxo Queiman: «Haberá moito, moito lume». Isto non virá nada mal tendo en conta que ese é o grito de guerra na capital de Soneira. Una sesión, pois, exclusiva, con guión propio, da que só se poderá gozar este sábado. Un tributo á forza dos irmandiños, pero como di Queiman, tamén aos veciños e entidades deste pobo que souberon dignificar a súa historia e vir mantendo esta festa durante o último cuarto de século.

Maensa Fotografo Freelance

Lume en terras irmandiñas é un proxecto personalizado froito dun traballo previo de recompilación de información, un espectáculo musical, didáctico, dinámico, creativo, diferente, interactivo, con retranca. Nel participarán 16 artistas: tres actores, dous cantantes, dous músicos, catro guerreiros, catro bailaríns manipuladores de fogos e un acróbata. «Contamos coa participación dunha das mellores compañías de recreación histórica, Especialista Hípica Celta, cos especialistas do circo Human No Limits e coa pirotecnia Josman de Ourense», describen dende a compañía. Especialistas dende Madrid ou dende Segovia, e mesmo artistas que xiraron por Londres, estarán presentes nesta sesión, dunha hora de duración, que tamén exaltará a terra, a gastronomía, a paisaxe ou a cultura de Vimianzo, partindo dunha base: «Alonso Lanzós, o noso líder, despois dos abusos do señor Moscoso e de pór fin á súa tiranía, proclamará tres días de festa, onde unha compañía teatral da época porá toda a súa arte con danzas, cánticos, pirotecnia... e ata queimada». Non faltará este ritual. «Un espectáculo, en definitiva, con moito sentimento e forza en escena, que penso que lle vai tocar a fibra ao público», di Queiman, que agradece ao Concello vimiancés por esta aposta e anima a acudir con tranquilidade, pois hai todo un estrito protocolo hixiénico-sanitario: cultura segura, di.

Maensa Fotografo Freelance

No seu día, o festival de Ortigueira foi o punto de lanzamento de Queiman e Pousa, que a partir de entón foron chamados de moitos concellos, tamén da Costa da Morte, unha comarca mariñeira onde Queiman di que «se viva máis a cultura, tedes algo especial». Camariñas ou Laxe xa os coñecen. Vimianzo, Fisterra, Dumbría... ¡seguen!