Nas eiras xa non se malla

Foron elementos indispensables na vida agrícola, e as poucas que quedan están esquecidas


carballo / la voz

As eiras, como tantos elementos da arquitectura popular na Costa da Morte, van desaparecendo pouco a pouco. Non só pola súa función, que xa non ten sentido na actualidade, senón incluso porque o seu sitio foi aproveitado para outras construcións, dende garaxes a galpóns, e tamén entrando a formar parte dunha maneira natural do exterior da casa, ou sinxelamente acabou cuberta pola maleza.

As eiras eran elementos esenciais da vida agraria, sobre todo no verán. De terra moi prensada, de pedras, de laxas, recubertas de cemento moitas delas sobre todo nos anos sesenta e principios dos setenta para darlle máis firmeza. Hai polo menos unha en San Cremenzo de Pazos que está feita sobre todo de seixos ben lixados que foi recuberta por unha grosa capa de cemento que se cadra algunha vez halle de marcha, igual que foron caendo recebos en tantas paredes. E seguro que non é o único caso.

Hainas ben protexidas arredor. Dous bos exemplos están en Sendón (Muxía) e en Romar (Berdoias, Vimianzo, recollidas gráficamente por Carme Toba Trillo, vocal da directiva da Asociación pola Defensa do Patrimonio de Galicia (Apatrigal), que preside o arquitecto Carlos Hernández Coto, e que traballan precisamente para que non se perda o patrimonio etnográfico. Que ás veces, nunha simple eira, oculta verdadeiros tesouros, como cando, hai dez anos, apareceu un petróglifo nunha de Cabana. En concreto, na chamada Casa de Pedro en Canduas. A pedra chegaría aí uns quince anos antes, procedente dun valado. Ten tres círculos concéntricos, e posiblemente fose collido preto do monte Castelo.

Moitas veces as propias eiras son tesouros en si mesmos, como a que resiste de par das Torres de Tallo, en Ponteceso, cunha feitura e grandeza acorde coa casa e as terras ás que servía. Moitas tiñan esa función comunal que foron deixando no esquecemento as parcelarias ou as aperturas de pistas. Pero sobre todo acabaron con elas o novos tempos. A malla do trigo, do orxo, do centeo, pasou primeiro (das forcadas, os manles ou as vacas) a medios mecánicos, e despois a nin sequera facerse. Había todo un ecosistema social e de linguaxe ao seu redor. Nomes que desaparecen. É posible que á xente máis nova de hoxe lle sexa máis familiar a Eira das Meigas que a da propia casa ou lugar por motivos culturais. As xestas son agora máis abundantes porque xa non se cortan para varrer eses espazos, espazo tamén para peneirar, para estender legumes e secar, para deixar estrume ou leña durante o inverno. As poucas que resisten son testemuñas dun pasado cada vez máis alonxado.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Nas eiras xa non se malla