«O que marca esta proba é que é diferente ó que existe na zona»

Este sábado arrinca un novo proxecto turístico-deportivo na comarca, o Ultra Trail Costa da Morte, ideado polo vigués Miguel Bernárdez 


Carballo / La Voz

Miguel Bernárdez (Vigo, 1971) conta cunha gran experiencia organizando carreiras de atletismo por toda Galicia. Como bo deportista, tamén participa nelas. Así, un ano coñeceu en primeira persoa o Trail Monte Pindo e o Camiño dos Faros, e foi a raíz disto cando, xunto con outras persoas de distintos puntos da comunidade e englobadas baixo o nome de Asociación Deportiva Costa da Morte Outdoor Sports ideou, ideou un pioneiro proxecto na comarca que arrinca este sábado ás 9 da mañá dende o porto de Caión e remata o vindeiro venres en O Pindo: o Ultra Trail Costa da Morte.

-¿En que consiste a proba?

-En recorrer 14 concellos da comarca en sete etapas bordeando o mar. A idea é correr, polas mañás, e coñecer a cultura e a zona, polas tardes. Trátase de mesturar deporte con turismo. As etapas de 30 quilómetros de distancia arrancarán ás 8 ou 9 da mañá e rematarán sobre as 2 da tarde. En cambio, as máis longas, de 40 ou 50 quilómetros, comezarán antes e alargaranse ata as 4 ou 5 da tarde.

-¿Canta xente vai participar?

-Unhas 15 persoas de Suíza, Lanzarote, Ibiza e Galicia. Ó ser a primeira edición xa contabamos con pouca participación. Pero búscase que sexa unha proba piloto para dar a coñecela e afianzala internacionalmente.

-¿Está máis orientada á xente de fóra, entón?

-E que o propio proxecto o pide, porque ten un elevado custe e ti, se es de da Costa da Morte e tes vacacións, o normal é que marches lonxe. Pero, oxalá as persoas da zona se animasen.

-¿De que prezo falamos?

-Comezamos cunha cantidade de 900 euros, pero despois púidose baixar a 775. Pero, inclúeo todo: dende a recollida nos aeroportos ou nas estacións de tren de A Coruña e Santiago ata o aloxamento, as comidas e os transportes entre as etapas. Porén, hai outro prezo máis baixo que só inclúe as ceas, pois consideramos necesario manter un servizo no que participantes e organización poidamos estar xuntos para coñecernos e manter un feedback sobre as sensacións experimentadas cada día.

-Deportivamente, non vale calquera para participar.

-Por suposto. Así é que lle esiximos ós participantes un certificado médico con proba de esforzo pola súa máxima seguridade persoal.

-¿Hai moitas máis probas deste tipo en Galicia ou en España?

-A nivel nacional hai tres ou catro. Unha delas nos Perineos, que se celebrou a pasada semana. Pero, para que vexas a participación que adoita haber nelas, esta última, que vai xa pola súa cuarta edición, só contou con 60 deportistas. Mirándoo polo outro lado, xa logrou atraer xente de Suecia, Canadá, Estados Unidos... Entón, nós tamén temos capacidade, sen ser grandes montañas, para lograr iso.

-Algo lin de que este ultra trail conta con dous padriños. ¿Pode revelar os nomes?

-Dous deportistas de elite como son a ceense Susana Gómez, afincada en Lanzarote, e o suízo Diego Pazos, de orixe vimiancesa. Á primeira é moi coñecida na Costa da Morte, en cambio a Diego ocórrelle todo o contrario, pois pouco vai pola zona. Pero, agora mesmo, é un dos corredores máis importantes a nivel europeo, pois hai tres anos quedou terceiro no campionato do mundo de trail, e hai unhas semanas, na carreira máis importante a nivel mundial como é o ultra trail de Mont Blanc, acabou quinto.

-Respecto á organización, ¿quen son e como xurdiu?

-Eu levo oito anos organizando probas deportivas en Galicia deste tipo, como son Galicia Máxica e Trail Adventure. A raíz disto, coñecín o Trail Monte Pindo e, máis tarde, o Camiño dos Faros. Encantoume a zona e pensei: ‘¿Por qué non facer un proxecto deste tipo aquí? Agora, temos que ir facéndonos un oco no remuíño de probas que hai. Pero, o que marca esta é que é diferente ó que existe na zona, moi rechamante e, sobre todo, ilusionante.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«O que marca esta proba é que é diferente ó que existe na zona»