Axenda diaria | Teatro, literatura, baile, solidariedade, castañas, medio ambiente... Ten onde elixir!
26 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Ademais da exposición ligada ás Xornadas Micolóxicas de Lumieira en Carballo, estas outras moitas citas culturais e de ocio hoxe na Costa da Morte:
Carballo • FIOT en Ruta e OTNI • Dobre proposta dentro do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT). Unha, baixo o epígrafe do FIOT en Ruta, citas fóra do casco urbano, será ás 18.00 horas no centro social de Berdillo: Absurdia, con The Momento Impro. Doutra banda, ás 20.00 horas en o auditorio do Pazo da Cultura, poderá gozarse dunha peza de Obxecto Teatral Non Identificado (OTNI): Masa madre, con Cía Caí. Xestión de entradas na web ataquilla.com.
Carballo • Fin da Semana dos Avós • Ás 12.30, misa de clausura e homenaxe aos maiores pola asociación Fogar da Xuventude. Entrega de diplomas / medalla parroquial ás visitadoras de enfermos Lola Lois, Nati Iglesias e María García.
Muxía • Presentación literaria • Intervén ás 12.00 horas na biblioteca municipal Santiago Rey Fernández-Latorre a escritora fisterrá Branca Vilela. Dará a coñecer a súa obra Ultreia no Camiño Inglés: a misión do Ara Solis. Acompañan Javier Sar, Sandra Vilela e Basilio Rodríguez, da editorial Sial Pigmalión. Acceso libre e gratuíto.
Camariñas e Vimianzo • Fin do Festival Escena Muller (FEM) • Todo chega á súa fin, tamén o Festival Escena Muller promovido pola compañía aAntena e a Deputación coa implicación dos Concellos de Dumbría, Camariñas e Vimianzo. Nestes dous últimos serán tamén as derradeiras propostas, ambas este domingo. Ás 13.00 horas, na Praza do Concello de Camariñas, Lupe Blanco ofrecerá unha regueifa-vermú. Doutro lado, ás 20.30, o auditorio de Vimianzo acollerá a Iria Pinheiro coa súa función Vitoria, peza de autoficción sobre as experiencias e denuncias persoais da actriz.
Cee • Clausura de O Mes da Fundación • Ás 18.00 horas, no instituto Fernando Blanco de Cee, terá lugar o peche do ciclo cultural-educativo O Mes da Fundación, que se vén levando a cabo dende hai semanas. Tres serán as propostas: acto de recoñecemento con entrega de diploma aos integrantes do padroado da Fundación dende a súa creación no 1960; actuación musical de Antía Muíño e ofrenda floral no sepulcro de Fernando Blanco.
Baio • Tradición oral, literatura e teatro • O ciclo literario cultural Follas de Outono, promovido polo Concello de Zas, inclúe hoxe dúas citas no auditorio de Baio: 18.00 horas. Primeiro, a presentación do libro Canta, miña compañeira: o legado das cantareiras, de María Lado. Despois, representación da obra teatral As ferreñas (en vivo e en directo) por parte de alumnado do CEIP Labarta Pose.
A Laracha • Outono de Contos • Cita de despedida: ás 12.00, na biblioteca, Cu-cú, tas-tás, contacontos para bebés a cargo de Barriga Verde.
Cabana • Teatro • A compañía Ghazafelhos representa a obra H2...Oh! no auditorio municipal, ás 18.00 horas. Proposta familiar de outono coa que se pecha outubro.
Muxía • Andaina e foliada-cocido • No cámping Lago-Mar, da man de Horta Creativa. Cun custe de 40 euros por persoa, inclúe andaina dende Muxía (8 quilómetros, 10.00 horas) e foliada libre con cocido dende as 13.30. Para consultar se aínda quedan praza: info@campinglagomar.es.
Ponteceso • Limpeza medioambiental • Na zona do Xuncal Pequeno e Malecón, xornada de limpeza aproveitando a marea baixa para recoller residuos, sobre todo plástico. Quedada ás 11.30 horas. Non é necesario estar inscrito. Convén portar roupa e botas axeitadas, avisan.
Cerceda • Castañas e seguridade viaria • Dobre proposta hoxe no Campo da Feira, entre as 11.00 e as 14.00. Dunha banda, haberá unha xornada de seguridade viaria, para aprender conceptos clave de forma divertida, e doutra, castañeiro. «Ven recoller as túas castañas!», convida o Concello: só hai que achegarse.
Varias localidades • Baile social • Cando menos tres citas. Unha, no mercado de Carballo, coma sempre con entrada libre, de 18.00 a 21.00 horas: actúa o dúo Marineda. Tamén será día de baile social en Malpica, desta volta con Nuevo Siglo, no centro cívico, de 19.00 a 22.00 horas. Terceiro emprazamento: o mercado cultural de Fisterra, con Martín Reimúndez a cargo da música: 19.00 horas.
Citas contra o cancro en Fisterra e Coristanco
Ao igual que a semana pasada, ligado á conmemoración do Día Mundial contra o Cancro de Mama —19 de outubro—, tamén hoxe coinciden varias citas solidarias por este motivo na comarca. Unha será en Fisterra, onde ás 13.00 horas, diante da lonxa, se tecerá unha cadea humana. Convida a xunta local a portar algunha prenda rosa. Iniciativa simbólica de visibilidade que se poderá aproveitar para mercar algo de merchandising e sumarse á causa.
A outra das paradas, tamén á mediodía, estará en Coristanco, onde a xunta local ten organizada a súa comida solidaria anual. Será no pavillón deportivo, a partir das 13.00 horas, cun custe de 35 euros os adultos e de 14 os rapaces de ata 12 anos. Agárdase, coma no resto de convocatorias, representación doutras xuntas locais da comarca. En calquera das iniciativas, o fin último é recadar fondos para a investigación dunha enfermidade que peta en todas as portas.