«A miña vinculación con Corme é permanente, definitiva»

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

GENTES DEL FINIS TERRAE | Diana Varela Puñal é avogada, escritora, cofundadora da editorial Medulia (A Coruña). O territorio propio, di, ten continuidade nas obras. As delas gardan «intrahistoria»

27 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Estando ben de saúde como está e tamén ben «a nivel de traballo», Diana Varela Puñal (Corme, 1981) prefire limitar as queixas á «boca pequena». A súa fala é doce calma optimista. Licenciada en Dereito, segue exercendo a avogacía, actividade que tamén liga ao feito de dirixir co compañeiro Xulio Valcárcel a editorial Medulia que fundaron na Coruña no 2014: «Como empresa, require da nosa experiencia e coñecemento, el como procurador e eu como avogada». Diana ten publicado poesía, narrativa, segue a escribir. Hai proxectos entre mans, pero aínda falta ese acougo para asentar ideas. O tempo irá dicindo.

—Como xestiona iso, o tempo?

—O día non ten máis ca 24 horas, por sorte [ri]. Temos pouco tempo de lecer, porque a maiores da dirección e xestión da editorial, pasamos horas valorando, lendo, falando sobre os manuscritos que nos chegan. A nosa prioridade son os nosos autores e autoras, e facémolo con toda a implicación e respecto.

—Medulia publica obras moi regularmente. Están satisfeitos?

—Non temos queixa, imos pouco a pouco, sen caer na soberbia, todo a base de traballo, de vocación e de amor pola literatura, que foi o motivo que nos levou a formalizar este proxecto logo de tempo dándolle voltas na nosa cabeza. Estamos agradecidos da cantidade de autores e autoras que confían en nós.

—Seguen convocado o premio de poesía Eduardo Pondal?

—Imos pola cuarta edición, un certame agora exclusivamente convocado dende Medulia. Encargámonos da edición do libro e da entrega á persoa premiada de exemplares e dunha obra orixinal dun artista galego, que habitualmente é a que vai ilustrar a cuberta do libro. Resólvese coincidindo co día das Letras Galegas. Cada sobre que nos chega é unha ledicia, e chegan manuscritos de toda Galicia. Xulio é de Lugo, un escritor recoñecido, pero a min como cormelá facíame ilusión que o concurso levase o nome do noso ilustre veciño. Tratamos de darlle pulo, porque é unha maneira, e seino por experiencia, de darlle unha oportunidade á xente nova de ver a súa obra publicada. Para un poeta ou unha poeta, iso é a cúspide, ver o teu traballo en forma de libro, e en todas as librarías. 

BASILIO BELLO

—Marchou nova de Corme, pero o seu nome sempre se liga á vila.

—Tiña 14 ou 15 anos, pero a miña personalidade estaba xa feita. Comentaba no Foro Voz As paisaxes pondalianas que cando soño que estou nunha casa, sempre estou na miña casa de Corme. Conservo as amizades, a xente coa que me criei. A vinculación con Corme é, pois, permanente, definitiva.

—A Costa da Morte é territorio de fértil creación literaria, artística... Que cre que ocorre?

—A presenza do territorio é fortísima, xa a presenza do mar sería suficiente para crear un fío. Marca non só a nivel literario, senón vital. A parte disto, é un núcleo de poboación onde as raíces, a cultura galega, está moi presente. Iso propicia que afloren escritores, artistas... Unha planta coas raíces no ar divaga. Non é o caso da nosa terra, na que o patrimonio cultural, e iso inclúe a paisaxe, está vivo en cada un de nós. Isto ten continuidade nas nosas obras.

—Que a levou á escrita?

—Sempre me gustou ler, e mesmo antes de saber ler encantábame que me contasen contos. Meus pais chegaron a gravarme cintas con contos contados por eles e logo mercáronme unhas de contos clásicos e un walkman porque xa ían cansos de escoitar sempre o mesmo na radiocasete [ri]. Cando aprendín a ler, aquilo era un paraíso. Na escrita descubrín, despois, unha vía de expresión.

—Ten gañado diversos galardóns, un ben recente, no 2021, o Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta, coa súa obra «A conxura». Neira Vilas é especial para vostede.

—Foi ese escritor admirado, case místico. O meu primeiro premio, sendo aínda unha nena que estudaba no colexio As Forcadas, entregoumo el no Couto. Recordo aquilo con agarimo, e á mestra dona Beatriz, que sempre nos animaba e ensinaba palabras con historias disparatadas. Con A conxura estou satisfeita, chamoume xente á editorial para dicirme que lles sacara un sorriso. Ao avogado e escritor Xosé Antonio Andrade, como dixo na presentación da obra en Espiral Maior Foro, pareceulle un «delicioso disparate», e eu xa adoptei iso. Hai quince días que cheguei de París, onde falei precisamente de A Conxura na aula de galego de La Sorbona.

BASILIO BELLO

—En Corme segue o fogar natal?

—Crieime cos avós maternos, que eran meus padriños, e con meus pais, ademais de meus irmáns, xemelgos, que naceron cando eu tiña cinco anos. Aos avós paternos, panadeiros de Cances, non cheguei a coñecelos, pero meu pai encargouse de que os tivésemos presentes, e de feito a miña avoa Carmucha aparece na obra Fin de festa. A miña intrahistoria está nos libros. Meu avó materno era mariñeiro, botaba meses fóra, e eu pasaba tempo coa madriña, que faleceu no 2012. El, hai uns meses. Cando agora imos a Corme falta na casa esa referencia, pero intentamos darlle unha volta a esa melancolía, para convertelo nun fogar vivo, que nos acolle. O traballo está fóra de Corme, e igual imos entón menos do que nos gustaría, pero niso estamos, en seguir sentindo tan nosa a casa de Corme.