Diana Varela Puñal gañou o Neira Vilas de novela curta con «A conxura»

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

BASILIO BELLO

A entrega do premio terá lugar o 3 de novembro no Auditorio de Cruces

29 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A novelista, poeta e editora, Diana Varela Puñal, gañou a quinta edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta para nenos e adolescentes coa obra A conxura. Foron quince os orixinais que se presentaron nesta edición.

O xurado estivo composto polos membros do Padroado da Fundación Xosé Neira Vilas, Rosalía Morlán e Juan Andrés Fernández, ao que se sumou o crítico Armando Requeixo.

A data de entrega do premio foi fixada para o vindeiro 3 de novembro, coincidindo coa celebración do Día de Neira Vilas. Este ano o acto muda de escenario e en vez de na sede da Fundación que leva o nome do escritor en Gres, vaise celebrar no Auditorio de Vila de Cruces.

A conxura, apuntan dende a Fundación «constrúe un universo narrativo que se move axilmente entre o imaxinativo e o fantástico, habitado por personaxes hipnóticos e fascinantes, con descricións luminosas e unha estrutura feita a base de anacos narrativos que, malia a súa certa autonomía, logran enfiar con solvencia o inicio e o final».

«A trama _engaden_ resólvese , ademais, dun xeito maxistral, unindo aquí os variados recursos literarios empregamos outros procedentes dos eidos da música ou do cinema».

Diana Varela suma o premio Neira Vilas outros logrados anteriormente como o Premio de Poesía Díaz Jácome por Afirmación en nove contos e o Premio de Poesía Uxío Novoneyra polo poemario Fíos. Ademais xa fora galardoada co Premio Estornela de Teatro por Arlequino Viceversa no 2012, e que convocaba a Fundación Neira Vilas. Nada en Corme (Ponteceso) e avogada de profesión, e vive dende os 14 anos na Coruña. O pasado mes de febreiro foi escollida como autora do mes pola Asociación de Escritores en Lingua galega.

O Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta está dotado con 1.000 euros, suxeitos á retención fiscal correspondente, e inclúe a publicación do traballo seleccionado. Os catro libros anteriores premiados foron publicados por Edicións Embora. Foron Esca, de Antonio Piñeiro; Detrás dos perdidos, de Pedro Rielo; O home de negro de An Alfaya e Diario de Brian, o chinés de David Vázquez Álvarez. O obxectivo do premo é estimular a creación literaria e proporcionar obras de calidade ao público infantil e xuvenil.

 «Estou moi ilusionada porque eu téñolle especial agarimo á Fundación»

Diana Varela colle o teléfono e resposta con un cálido «Moi bo día!» e confesa que «ando un pouco aturdida con esta nova».

-Como recibiu a noticia?

-Colleume completamente por sorpresa. Unha nunca espera este tipo de cousas, a verdade é que _sinceramente o digo_ colleume totalmente de sorpresa.

-Supoño que está contenta aínda que xa ten uns cantos premios?

-Para min é unha alegría, un estremecemento, unha emoción..., e nunca deixa de ser así. Estou moi ilusionada ademais porque eu téñolle especial agarimo e estima a todo o que teña que ver coa Fundación Neira Vilas. Sempre conto a anécdota que Memorias dun neno labrego foi o primeiro libro que lin. Teño un recordo como tal. E cheguei a coñecer, a cartearme e a falar por teléfono mesmo con Neira Vilas. Onte (polo martes) cando me chamaron para dicirmo estaba a mil cousas, como ando sempre na casa, e quedei así un pouco en shock. E aínda sigo, a verdade. Tamén é un pouco no momento no que estamos. Quedei sorprendida e sigo con esa sensación de incredulidade, así aturdida, pero moi feliz e véñenme todas esas lembranzas.

-Son uns tempos especiais e todos estamos tamén máis sensibles

-Si, é un tempo tan raro, tan raro. Eu non me queixo de nada porque vainos ben e estamos traballando, pero creo que aínda non o temos moi asimilado. Asimilarémolo ou nos decataremos, por sorte si saímos disto, que espero que si. Pero saír pasa por manternos o máis aillados posible e protexidos nas casas. Iso tamén conleva que parece que todo se agranda. E é recibir un premio con ese nome! porque Neira é un referente na literatura.

-É para celebralo

-Si pero estou con iso de non poder compartilo e celebralo. Eu son moi festeira. Gústame celebrar cando hai motivos, pero polo de agora tócame celebralo comigo mesma. Pero estou moi agradecida.

-Como é A conxura?

-É un libro de ficción, moi imaxinativo que ten un compoñente grande de crítica, sobre todo, da arañeira que é o fío condutor do libro. Esa arañeira da burocracia que atrapa. Con ese telón de fondo é como vou eu desenrolando a historia a través de distintos personaxes cos que eu me sinto moi cómoda porque eu son moi observadora e gústame interesarme pola vida da xente, non no senso de cotilleo, senón mo de observar e de preocuparme polo que pasa, polo que lle sucede á xente.

A través dunha serie de personaxes que se ven atrapados nunha arañeira vou creando a historia dende a imaxinación, dende a ironía e mesmo dende un certo sentido do humor. E desde a ficción. Fago una transposición temporal alucinada. Iso é o que procurei facer, unha cousa imaxinativa.

-Que tal leva este peche, aproveita para escribir máis?

-É un momento de moita tensión, e eu baixo esa tensión non solo sentirme a gusto para escribir. O que si fixen foi que levo traballando moito, moito tempo neste libro, reformulando e dándolle mil voltas. O ter un trasfondo crítico pretendía facelo ameno, e ata certo punto gracioso, e entón reformuleino moitísimas veces. Foi o que fixen cando estivemos nese confinamento total, no que nunca nos imaxinamos estar, e inmersos nesa palabra. Cando estabamos no confinamento total aproveitei para corrixila. Xa a tiña moi avanzada.

Xa a tiña había meses impresa e alí pousada na mesiña de noite ai agardando a que le tocara a vez. Neses longos días ou meses, xa non sei canto tempo botamos, aproveitei para corrixila e a través do correo electrónico e das vídeoconferencias que facíamos pregunteille opinión a amigas e amigos que me animaron. Ten un punto medio alucinado o libro este e non estaba segura de si resultaba ou non.

-Como foron as opinións?

-A xente que o leu díxome que si, que os atrapou, que se riron,. Que lles pareceu interesante, en definitiva. E ese foi o motivo polo que me animei, practicamente xa a piques de rematar o prazo, a mandalo.