Os libros medran ben en Carballo

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

Tres presentacións de obras cadraron nas últimas horas na capital de Bergantiños

20 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

«Carballo está en plena efervescencia cultural», dicía onte a cormelá Diana Varela Puñal logo de presentar a súa «noveliña» A Conxura (Edicións Embora) no espazo Espiral Maior Foro, dirixido por Miguel Anxo Fernán Vello. Ademais de por el, estivo acompañada polo escritor Xosé Antonio Andrade. Foi Diana, precisamente, quen abriu neste refuxio un novo ciclo, os Sábados Literarios. Con A Conxura gañou o premio Neira Vilas de novela e, logo de levala a Corme xa no verán, quixo dalgún xeito que a capital de Bergantiños abrise as presentacións oficiais. Foron case dúas horas de conversa, de «acto acolledor» no que se falou da «resistencia» da cultura, das humanidades, da literatura e das artes, «cousas boas do ser humano, que tamén as temos». Varela Puñal, unha das patas de Medulia Editorial (A Coruña), coa que impulsan o premio de poesía Eduardo Pondal, confesou sentirse onte «na casa», lembrando que Fernán (Espiral Maior) confiou nela para publicarlle no seu día o primeiro traballo. «Carballo está moi bonito, cheo de vida», incidiu a autora.

Xaime Díaz, coa súa obra
Xaime Díaz, coa súa obra Basilio Bello

As súas palabras sobre efervescencia cultural acaen ben ao ocorrido nas dúas últimas xornadas. O venres cadraron dúas presentacións de obras de carballeses, ademais do concerto de alumnos do Conservatorio. «Este é un pobo vivo», incidiu o propio alcalde, Evencio Ferrero, para pechar a posta de longo, nun auditorio da biblioteca Rego da Balsa cheo, da publicación Carballo. Guía ilustrada de arquitectura, de Xaime Díaz. Emocionado, falou Díaz da xestación desta obra, de traballos previos, dunha sensibilidade polo patrimonio e pola súa conservación, de vías de futuro... Tamén de familia, e alí estaba o seu sobriño, Diego Díaz, arquitecto, responsable das fotografías desta publicación.

BASILIO BELLO

Acompañou a Xaime, tamén, Mónica Mesejo, organizadora daquel curso de verán da Escola de Arquitectura celebrado no seu día na capital de Bergantiños e do que agromou, dalgunha maneira, a idea desta guía cos edificios máis emblemáticos. Os perdedores, a veces, tamén teñen que escribir a historia, afirmou do seu lado Ferrero: «Neste caso, os que perdemos aquel Carballo que tan bos recordos nos aportaba, símbolo de identidade, exemplo urbanístico».

Público na Rego da Balsa
Público na Rego da Balsa Basilio Bello

«Hai que mirar sempre para adiante, e Xaime é dos que o fai, lamentando o que pasou, pero non laiándose continuamente, senón facendo propostas do que pode ser», incidiu. Hai xa decenios que Díaz falou da conveniencia de actuar nos Baños Vellos. Estase a facer. «Aprender dos erros» é preciso, abundou Evencio, asentando con solidez e cohesión «un novo modelo». A iso quere contribuír, dende o 2016, o PXOM.

Raquel Fariña, no centro
Raquel Fariña, no centro Basilio Bello

Ateigado estivo o venres tamén, case á mesma hora, o salón do Casino de Carballo. Foi o espazo escollido pola carballesa Raquel Fariña Veiga para presentar a súa primeira novela publicada, Un billete de ida, xa dispoñible en librarías coma Clarión. Literariamente, presentouse ante o seu pobo cunha historia de aventura e intriga, a viaxe nun estraño e escuro tren por parte duns descoñecidos.

Público en el Casino carballés
Público en el Casino carballés BASILIO BELLO