Escribe Xosé María Lema | Esta histórica ponte é un bo exemplo das levantadas no século XIX
14 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.A chamada ponte de Baio, no quilómetro 20,68 do río do Porto, non só uniu durante centos de anos as parroquias de Baio (Zas) e Bamiro (Vimianzo), senón que tamén facilitou as comunicacións da Coruña coas comarcas occidentais da Costa da Morte: punto neurálxico da estrada A Coruña-Fisterra, que a finais do século XIX aínda non estaba rematada ó completo.
A primeira noticia documental da existencia dunha ponte ou pontella neste lugar, na Piroga (onde se viña celebrando a chamada Feira de Baio, polo menos desde 1740), data do ano 1698, tal como se recolle no libro de Sánchez García (2001) sobre as Torres do Allo. Tamén fala dela e da súa importancia, en 1804, o economista ilustrado José Lucas Labrada, e sinalizouna o cartógrafo Domingo Fontán na súa Carta Geométrica de Galicia (1834-1845). Pero a obra coa súa fisionomía actual data de 1852-1853, segundo documentos que o polígrafo baiés Francisco Romero Lema conservou no seu arquivo particular. Publicamos, Evaristo Domínguez e quen subscribe, un amplo resumo no libro Zas polo miúdo (2020; pp. 444-446). Con anterioridade, tamén no libro colectivo O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira (Semescom 2019; pp. 63-65).
As «tripas» da ponte
O pasado xullo empezaron as obras para engadirlle á ponte unha senda peonil pola banda oeste. Durante todo o mes a comunicación estivo cortada porque, no dicir dalgúns, parecía que «lle estaban mirando as tripas», pois non se entendía que para esta senda lateral tamén tivesen que furar no pavimento con perforadoras e retirarlle o groso formigón que talvez datase das reformas dos anos oitenta do pasado século. Dalgún xeito, o corpo coas tripas da obra e os seus custos aparecen nun documento redactado na Coruña o 24-02-1852: o presuposto inicial sumaba un total de 62.573 reais entre «fundaciones» (é dicir, os alicerces: 9.958 reais), «pilar y estrivos» (22.944 reais), «arcos» (13.934 reais), «muros de sostenimiento» (4.176 reais), «imposta y pretil» (2.361 reais), «pavimento» (4.418 reais) e «cimbras y andamiajes» (2.778 reais). Co desconto obtido na poxa a cousa quedou finalmente en 51.504 reais. Para facernos unha idea dos custos, digamos que por aquela época o valor dunha vaca andaba entre os 150 e os 200 reais (segundo o investigador fornelán Ramón Romar). Na relación de canteiros que traballaron na obra figura en primeiro lugar don Thomás de Castro, que era o que máis cobraba (10 reais por día); esta circunstancia e o «don» que precede o seu nome lévanos a pensar que sería el o arquitecto ou enxeñeiro autor do proxecto.
Despois del aparecen José de Canto, que cobraba 7 reais por xornada, e Manuel Veloso, que cobraba 6; os dous eran mestres de cantería ós que documentamos uns anos despois traballando nas igrexas de Soesto (Canto) e de Sarces e Zas (Veloso). A continuación figuran na lista arredor de corenta canteiros, que cobraban de 3 a 5 reais por día. A lista dos carreteiros que levaron en carros pedra «de la pedreira» -sen dúbida, Pedra Miñón, en Bamiro- é interminable, a 3 reais o carreto (exceptuando «Dn. Francisco Pose», que o cobraba a 9 reais). Entre a tamén longa listaxe dos pións había moitas mulleres. As pagas efectuábanse a mediados de cada mes, facendo cadrar a data do cobro co día da feira de Baio. A maior parte dos que traballaron na obra eran veciños e veciñas de Baio e de Bamiro.
Esta histórica ponte é un bo exemplo das levantadas no século XIX, cun grande arco central rebaixado e dous laterais de medio punto de descarga. Sábese que tivo unha nova e importante reforma nas últimas décadas do XIX, despois dunha inundación. Cen anos despois, nos anos oitenta do século XX, perdeu boa parte da súa estética orixinal cando a Obras Públicas se lle ocorreu substituír as contentas -nome local dos peitorís laterais- por unhas feas varandas metálicas. Foi unha medida desafortunada.
A ponte ábrese neste mes de agosto ó tráfico cun novo pavimento de formigón. Suponse que máis seguro có anterior, que resistiu moitas enchentes, por certo. Faltan aínda os paseos peonís laterais coas súas varandas. A xente está preocupada polo resultado final, pola súa estética. Esperemos que os responsables das obras teñan o bo gusto que preservar ó máximo a fisionomía tradicional da ponte, pois este monumento de 168 anos de existencia é un verdadeiro símbolo local, como se demostra ó figurar nos escudos do C.D. Baio, A.D. Su a Agra, A. de VV. Tabeirón e a A. M. C. Pepe Valiña-Coral Xan Mella.