Plumas con mando | O desenvolvemento rural é clave na Costa da Morte 

Escribe a directora de Agader, Inés Santé | O fin é a dinamización, a través da recuperación, a prevención e a calidade

Inés Santé, durante a súa participación no Foro Voz sobre hórreos, en O Couto
Inés Santé, durante a súa participación no Foro Voz sobre hórreos, en O Couto

Na Costa da Morte, as políticas de desenvolvemento rural resultan claves para impulsar o seu tecido socio-económico. Ademais, esta zona constitúe un exemplo da estreita relación que se dá en Galicia na interfaz rural-litoral e ten un gran potencial en eidos coma o turismo, a gastronomía, a produción artesanal ou os produtos de calidade, entre outros.

Así o amosa o perfil de diferentes proxectos que están a recibir apoio nas últimas convocatorias dentro da medida europea Leader, xestionada pola Xunta a través do Grupo de Desenvolvemento Rural número 22 (Costa da Morte). O Leader (Liaison Entre Actions de Développement de l'Économie Rurale, que significa «vínculos entre accións de desenvolvemento da economía rural») é un método de desenvolvemento local que leva vinte anos utilizándose para facer partícipes aos actores locais no deseño e na posta en marcha de estratexias, na toma de decisións e na asignación de recursos para a dinamización das súas zonas rurais.

No caso da Costa da Morte, falamos de iniciativas relacionadas cos aloxamentos singulares en Dumbría, Laxe, Fisterra ou Zas, pero tamén da creación dunha fábrica de cervexa artesanal ou da recuperación e consolidación dun muíño neste último municipio; da elaboración de iogur artesanal en Muxía, así como das melloras nunha industria hortícola da Laracha, entre outras. O GDR 22 xestiona preto de 3,4 millóns de euros en todo o período de execución do Leader. Só nas dúas últimas convocatorias, prestou apoio a 19 iniciativas diferentes. Desta forma, este programa consolídase como un dos piares sobre os que se asenta o impulso ao desenvolvemento rural nesta bisbarra, pero non é o único.

Dende a Xunta estase a fomentar ese desenvolvemento dende unha perspectiva integral. Ademais de apoiar iniciativas empresariais e sociais a través do Leader, tamén se traballa para recuperar e mobilizar terras, para optimizar a xestión das explotacións mediante as concentracións parcelarias ou para potenciar os recursos endóxenos do territorio e mesmo para poñer en valor o patrimonio etnográfico ou cultural da contorna.

No que atinxe en particular á Costa da Morte, como exemplos disto último cómpre lembrar o proxecto senlleiro do museo da pataca en Coristanco, unha iniciativa que pronto se porá en marcha e que se enmarca no Plan estratéxico para potenciar a produción do tubérculo na zona, ao abeiro da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia. Todo isto tamén vinculado á mobilización da terra agraria, que vai ter un importante pulo coa futura Lei de recuperación, actualmente en tramitación parlamentaria.

Inés Santé
Inés Santé ANA GARCÍA

Así, ao abeiro desta norma impulsaranse instrumentos coma os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta ou as aldeas modelo. Nesta liña, no mesmo concello de Coristanco estase a estudar a delimitación dos perímetros que conformarían o polígono agrario para o cultivo de pataca. Unha actividade que ten moito valor engadido, polo que será unha garantía poñer en marcha esta iniciativa para que a xente poida desenvolver a súa actividade agrícola con rendibilidade.

A recuperación e posta en valor da terra faise, ademais, sen esquecer as concentracións parcelarias. Así, o pasado mes de marzo entregábanse os títulos do proceso de Couso, en Coristanco, e de cara a 2022 está previsto facer o propio cos de Cereixo-Carnés (Vimianzo) e Santa María de Baio (Zas).

En definitiva, a aposta da Xunta polo desenvolvemento integral da Costa da Morte é clara e tanxible. Enmárcase nunha estratexia global para toda a Galicia rural que ten como gran obxectivo a súa dinamización, a través de tres eixos claves para o Goberno galego: a recuperación, a prevención e a calidade. A Costa da Morte ten moita vida.

Inés Santé é directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Plumas con mando | O desenvolvemento rural é clave na Costa da Morte