Non son fada nin princesa

Manuel Maseda DIRECTOR DO MAXIMINO ROMERO

CARBALLO

21 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Opasado mércores, 17 de febreiro, presentouse un decreto no que se refunden as disposicións legais de Galiza en materia de igualdade. Un texto que ten como obxecto directo a regulación en materia de igualdade entre mulleres e homes.

Nesta mesma semana, na prensa do país, podiamos ler varias novas sobre asasinatos machistas, comentarios «desafortunados» en aulas da USC ou «simpáticas» declaracións á TVG de persoas que se desorientaban despois de visitar clubs de alterne.

Ao mesmo tempo, o pasado xoves, nunha conversa na aula de 1º de Bacharelato descubrín as diversas versións que se poden ter dun mesmo libro ou da vida mesma. Máis concretamente O club da calceta de María Reimóndez, grazas ao cal abrimos unha interesantísima reflexión sobre a igualdade, que seguramente se materialice nunha curtametraxe. Apareceron termos como «micromachismo», «feminazi» ou «protexidas» da boca do alumnado, que me fixeron acender unha alerta no meu subconsciente: ¿será verdade entón que as novas xeracións son cada vez máis machistas?

Os límites do respecto no centro educativo están rexidos polas normas de organización e funcionamento do mesmo. Unhas normas consensuadas pola comunidade educativa que debemos respectar todos. Un código mediante o cal tentamos construír o ordenamento ideolóxico de liberdade, igualdade e fraternidade para unha sociedade máis harmónica e coeducadora.

Na escola da miña filla maior, este entroido, déronlle unha nota para disfrazarse de «explorador». A miña compañeira buscou información sobre exploradoras galegas e atopou o nome de Isabel Barreto. Todo un descubrimento, a primeira muller que ostentou o cargo de almirante na historia da navegación e que surcou os océanos no século XVI para descubrir Filipinas. Buscamos retratos dela e tentamos apañar roupas pola casa que se achegaran á súa indumentaria. Pois así foi disfrazada Mariña á escola, toda contenta, orgullosa de atopar unha exploradora galega e de levar información para compartir coas súas compañeiras e compañeiros. Ao mediodía, cando a fun buscar pregunteille que tal o pasara. Díxome que ben, que no desfile a puxeran coas princesas. E lembreime da miña benquerida amiga Sés: «Non son fada nin princesa a quen mirar». A sociedade precisa ser transformada dende a base. ¡A loita continúa compañeir@s!

(Manuel Maseda es el director del instituto Maximino Romero de Lema de Baio)