Papá Noel foi a Vimianzo por videoconferencia

CARBALLO

Grazas ás novas tecnoloxías, 60 nenos falaron coa Laponia e fixeron cantas preguntas quixeron

20 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

«¿Eres de verdade ou de postal?» Foi unha das primeira preguntas que os nenos de Vimianzo, sesenta repartidos en dous grupos de entre seis e oito anos, lle fixeron onte a Papá Noel, que tivo o detalle de falar con eles nin máis nin menos que por medio de videoconferencia.

Foi pola mañá, no telecentro da vila, un magnífico local situado no antigo mercado dotado con pantallas, incluida unha xigante, e aparellos electrónicos que permiten cousas como a de onte. Papá Noel entrou dende a Laponia, no norte de Finlandia (aínda que fontes consultadas por esta Redacción indicaron que estaba nun centro de Santiago: igual era un enlace), nun lugar moi ben ambientado, e conectou con Vimianzo, pero tamén con Santa Comba e Monterroso.

Todos se vían entre eles, coa pantalla divisida en cachos, e ían falando por turnos. A dinamizadora vimiancesa Lorena Cernadas (da que, por certo, xurdiu a idea, á que se sumaron os demais) ía coordinando e pasando os micros. O Papá Noel de onte, hai que suliñalo, falaba un galego moi correcto.

Algunhas das preguntas non tiñan desperdicio, aínda que os nenos, máis que loitar contra a construción das frases, facíano contra os nervos. Entre o micrófono, a pantalla e ver tan grande a Papá Noel, non daban feito.

«¿Como lle dá de comer aos animais?», inquiriu outro rapaz. «Se caes do trineo, ¿que che pasa?», dixo o seguinte. «Non caio, levo cinto de seguridade», respondeulle. «E non te multan?». «Non, teño un permiso especial».

E así case todas as do primeiro grupo, incluídas dúbidas sobre se nos seus desplazamentos choca coas farolas. Por suposto, algún neno pediu xoguetes, que para iso estaba.

Na despedida, en Sant.. na Laponia, empezou a nevar miudiño.