Reportaxe | O patrimonio descoñecido sae á luz O ciclo de charlas sobre a historia das parroquias do municipio chegou á súa fin con interesentes descubrimentos de carácter arqueolóxico, etnográfico e natural
06 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.O extenso territorio de Cabana de Bergantiños sitúase coma un dos concellos con maior presencia arqueolóxica da comarca. Esta afirmación vólvese evidente ao mirar os exemplos de xacementos escavados. Entre os máis sobranceiros destacan o afamado dolmen de Dombate e o castro ou Cidá de Borneiro. Ambos os dous son exemplos paradigmáticos que aglutinan en si mesmos un pasado xa vivido e un futuro que aínda está por ver. O tempo pasado, que en numerosas ocasións atópase agochado nas entrañas da terra e outras esquecido nos recunchos dunha aldea, casa ou memoria colectiva, volve a ver a luz grazas ao ciclo de charlas levadas a cabo polo Departamento de Cultura do Concello cabanés. Co título Cabana enteira presentouse un ciclo de charlas que deron comezo este outono e que finalizou o sábado no inaugurado local social de Corcoesto. A pretensión destas xornadas foi a de poñer en coñecemento os achados, tanto de tipo arqueolóxico como etnográfico, atopados recentemente nas diferentes parroquias de Cabana. Trátase dunha relación de elementos de interese patrimonial que van dende os obxectos máis antigos de época neolítica ata elementos de tipo etnolóxico dun pasado máis próximo que se perdeu ou está a piques de facelo. Cunha presentación apoiada con materiais fotográficos proxectados en power point , dábase a coñecer aos veciños o patrimonio atopado nas súas terras e nalgunha ocasión obxectos que, sen sabelo, habitaban nas súas casas. Entre os elementos encontrados, algúns xa coñecidos e outros localizados de maneira fortuíta, destacan catro machados pulidos de época neolítica. Estes útiles, propios dun período que aínda resulta problemático de coñecer debido á escasa documentación fiable, fálannos dun momento da historia onde o home evoluciona cara un desenvolvemento dos seus hábitats, novas formas de acadar alimento e a xerarquización da súa sociedade. Destaca o machado pulido da Mata, descuberto na parroquia de Riobó, pois presenta a característica particular dunha perforación; atopado de maneira casual por unha alumna da escola de xardiñería, polo momento descoñécese se o lugar onde se atopou é a sede orixinal da peza ou atópase descontextualizada. Estes útiles prehistóricos están pendentes de ser ubicados, de xeito que polo de agora non se sabe se o futuro destino destas pezas será un museo. En Nantón atopouse un curioso muíño de man romano incrustado no muro do castro de Anido aproveitando a súa oquedade a maneira de pequena ventá. A pequena parroquia de Silvarredonda, e o xardín dun particular, foi o lugar onde se localizou un sartego antropomorfo destinado a albergar o corpo dun meniño. Da mesma maneira sábese que a pedra que funciona como pía na fonte da Torre da Penela na súa orixe era un sartego das mesmas características que o anterior, pero este de adulto.