Vontade e intelixencia

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

28 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

OUTRA VOLTA ás estatísticas volven ser implacables. Un estudo encargado por unha entidade financieira catalana conclúe que, dos dezaseis municipios desta edición, a inmensa maioría está no grupo de menor renda per cápita familiar de Galicia, xa de por si baixa. Só tres, Malpica, Ponteceso e Cee acadan un resultados lixeiramente mellores ao resto. Asemade atopamos que no capítulo que corresponde á formación seguimos en pleno século XXI cun importante sector de poboación que se move entre o analfabetismo e os estudos máis básicos. É certo, pola contra, que nas últimas décadas o avanzo social en todos os eidos é constatable. Poderiamos dicir aquí que calquera tempo pasado foi peor. Aínda así se nos conformamos con esta afirmación simplista esquencemos a pregunta fundamental: ¿Estanse a facer todos os esforzos posibles para acadar un benestar real? Á vista destes datos conclúese que avanzamos a unha velocidade lenta, desesperadamente lenta, para as necesidades existentes. A situación é se cabe máis preocupante se pensamos que dende hai anos estamos recibindo o maior volume de axudas da historia. Xosé Luis Barreiro reflicte na súa recente obra A Terra quere pobo, con honesta autocrítica, este paradoxo á perfección. Volve sobre nós o interrogante: ¿Optimizamos os recursos que temos? Unha das eivas máis evidentes é a incapacidade manifesta de analizar os problemas e logo planificar a medio e longo prazo as posibles solucións, sen vivir constantemente na improvisación. Pero para eso precísase a autocrítica e recoñecer que a doenza existe. Temos o diagnóstico e fáltanos a vontade e, por qué non dicilo, a intelixencia.