Recuperar as feiras

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

03 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

O LUNS lin con interese neste xornal que varios establecementos de Carballo ofreceran tapas de fabada á xente que se achegaba ata o feirón. Ó parecer, a iniciativa levouse a cabo coa intención de potenciar o evento e recuperar así vellas tradicións que, lamentablemente, xa non se estilan moito nestes tempos de prosa e présa. É evidente que nas últimas décadas as feiras foron decaendo en toda Galicia. A razón principal para explicar esta realidade é o progresivo desmantelamento dos sectores primarios que se agudizou dende finais dos anos oitenta. O papel das feiras mudou sensiblemente: pasou de ser o particular Wall Street de cada comarca a converterse nun punto de encontro de coñecidos. Dende logo vai ser imposible recuperar aquelas feiras no seu espírito primixenio, pero os traballos para revitalizalas tampouco van nada descamiñados. Bergantiños, pese á crise da que falei antes, segue a ter unha raizame agrícola moi marcada; por iso é lóxico que Carballo actúe de forza catalizadora. Canda os postos de queixos, de verduras ou de froita tamén terán que vir productos novos. Aproveitando que ese día chegan centos de persoas de todas as parroquias pódeselles ofertar, de cando en vez, cousas ás que normalmente non teñen fácil acceso pola dispersión xeográfica. ¿Imaxínanse un feirón de Carballo con algunha caseta de libros, unha obra de teatro, unha actuación musical ou un contacontos; un evento que tamén lle sirva ós foráneos para coñeceren a comarca? É tarefa de todos discorrer e impulsar iniciativas, moitas das cales pouco máis custan que saber e querer facelo. Non hai peor tristura que a de non ser capaces de crer nin en nós mesmos.