Baixo o sol da media noite

Xurxo Gago ÁRTICO / E. LA VOZ

BARBANZA

XURXO GAGO

O científico Xurxo Gago chegou ás Svalbard, onde loitará contra o cambio climático

25 jul 2017 . Actualizado a las 05:15 h.

Diario dun barbancés no ártico: Capítulo dous

Eran as oito e cuarto do serán. Estabamos nun Boeing 787 Dreamliner chegando a Longyearbyen (Illas Svalbard, Noruega, 78ºN no Alto Ártico), e o piloto fálanos pola megafonía: «Señores pasaxeiros, por primeira vez na historia das illas vai aterrar aquí un Boeing 787-9». De feito, o avión é tan grande que podería levar a máis dun 10 % da poboación total das Svalbard, pouco máis de 2.000 persoas. O acontecemento tivo que ser histórico porque cando baixabamos do avión os traballadores do aeroporto e uns cantos espectadores estaban cámara en man gravando o acontecemento. Baixando pola escada, Jaume e máis eu sentímonos coma da realeza en viaxe oficial.

XURXO GAGO

Chegamos ata a porta da casa que vai a ser a nosa estación base no Ártico, timbramos e non había ninguén. Chamamos ao caseiro (que estaba avisado de que chegariamos desa hora), repetidas veces, ata que tras unha hora esperando, chamounos de volta: que non había ningún problema que nos instalaramos e se tiñamos algunha dúbida lle chamaramos de novo, ao cal lle respondemos que necesitariamos as chaves. Escoitamos unhas risas dende o outro lado do teléfono. O home respondeunos que non sabía onde tiña as chaves da casa, que a porta sempre estaba aberta, que estabamos en Longyearbyen…, e veña máis risos!

XURXO GAGO

Minería e carbón

Esta é unha vila instalada ao fondo dunha morrena glaciar nas ribeiras do fiordo Isfjorden. A súa dedicación histórica foi á minería de carbón. O impresionante do lugar son as minas e as estruturas industrias abandonadas que se atopan en cantís de montes de 400 metros de altura que pechan o val. Eran as once noite e decidimos darnos unha volta polos arredores. Moitos pensaredes que poderiamos ver a esas horas, pero é que nestas latitudes, dende maio ata agosto non se pon o sol, hai luz continua durante 98 días seguidos, tanto é así que foi a primeira vez na miña vida que ás doce da noite co sol que facía tiven que botarme protector; e para redondear as sensacións nese momento un reno pastaba nas herbas ao redor das casas. A situación recordábame á clásica escena de Doutor en Alaska.

Dende maio ata agosto non se pon o sol, hai luz continua durante 98 días seguidos, tanto é así que foi a primeira vez na miña vida que ás doce da noite co sol que facía tiven que botarme protector»

O día seguinte dedicámolo á loxística. A primeira tarefa do día: alugar un rifle para protección contra osos polares; nas illas Svalbard está prohibido saír dos pobos ou das bases científicas se non levas un arma (balas de calibre mínimo 30-06 e cabeza expansiva). Os osos polares están protexidos e o uso do rifle restrínxese para a defensa en caso de ataque. A dependenta da tenda sacou uns rifles, que dada a nosa pouca experiencia en armas e vendo a madeira chea de golpes pareceunos un aparello revello en comparación con outros cos que adestráramos.

XURXO GAGO

Mandei unha foto por Whatsapp a un amigo de Porto do Son con experiencia neste eido para que me asesorara no asunto e respondeume: «Vaia xoia! Un rifle tipo Mauser K98 alemán! Saíuche a xogada perfecta!». Jaume e mais eu quedamos pampos mirándonos o un para o outro. Investigamos e resulta que os soviéticos, cando gañaron a II Guerra Mundial, fixéronse con millóns destes rifles, que logo venderon e que aínda hoxe seguen activos cunha calidade excepcional. Esperamos non ter que comprobalo.

Os soviéticos, cando gañaron a II Guerra Mundial, fixéronse con millóns destes rifles, que logo venderon e que aínda hoxe seguen activos cunha calidade excepcional. Esperamos non ter que comprobalo»

Tras a nosa experiencia antártica dos últimos anos, as Svalbard parecen o Caribe, 180 especies de plantas superiores namentres que na Antártida só hai dúas, agora en xullo todas en floración, e nos inmensos vales tornan de cores brancas e amarelas. Ademais, nas illas están entrando especies invasoras dende o sur, dende o continente, que son capaces de adaptarse a estas condicións tan extremas. A capacidade de adaptación, os mecanismos fisiolóxicos e moleculares que se ocultan detrás desta capacidade sonnos moi interesantes. Ademais é probable que co quecemento global, estas plantas foráneas poidan ser máis competitivas que as plantas nativas.

XURXO GAGO

Na nosa andaina localizando plantas chegamos ao famoso cemiterio de Longyearbyen. A escasos tres quilómetros ao oeste está o que lle chaman a Arca da Vida, onde adaptaron unha mina de carbón na que a temperatura media é de -18º?C, unha inmensa caixa forte de todos os bancos de sementes de cultivos do mundo. O motivo é ter nun lugar illado, que se autoconserva sen enerxía externa, libre dun desastre natural ou dunha acción do home por se sucedera unha especie de apocalipse.

Nesta Arca da Vida gárdanse na actualidade 930.000 sementes de máis e ten capacidade total para 2.500.000 sementes, noutras palabras, un seguro para comezar de novo»

Outra vida

Nesta Arca da Vida gárdanse na actualidade 930.000 sementes de máis e ten capacidade total para 2.500.000 sementes, noutras palabras, un seguro para comezar de novo. Sen embargo, o ano pasado subiu tanto a temperatura en todo o planeta que a Arca tivo problemas, comezouse desconxelar e anegáronse salas e galerías. Calcúlase que se a zona ártica e subártica se desconxelase, a descomposición de toda a materia orgánica incrementaría os gases de efecto invernadoiro favorecendo aínda máis o cambio climático. É curioso coma un lugar tan afastado de todo pode ser tan relevante para o mundo.

XURXO GAGO

O equipo de investigación elaborou este albume de increíbles fotografías arrincadas dun escenario tan sorprendente como é o Ártico e que se vai actualizando con cada nova entrega: 

As anteriores reportaxes de Xurxo Gago na Antártida poden ser consultadas neste espazo, en orde de publicación: