A Antártida remata cruzando o Drake

XURXO GAGO ANTÁRTIDA / E. LA VOZ

BARBANZA

XURXO GAGO

O mar estaba picado e non permitía que se puideran utilizar as embarcacións para a marcha, así que decidiron chegar ao buque «Aquiles» en dous helicópteros

18 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Última semana. Estamos xa en tempo de desconto, o ritmo é frenético, nas últimas medicións para acadar todos os obxectivos que tiñamos e algún máis que se nos ocorreu polo camiño. Agora comeza unha parte clave de toda expedición que basicamente se resume na seguinte pregunta: ¿e cando e cómo saímos de aquí? A cuestión e tódalas súas variantes ocupan facilmente un 40 % de todas as conversas dende este intre.

Si se acordan da primeira reportaxe, a nosa chegada a Antártida foi grazas a un avión militar Hércules das Forzas Aéreas Chilenas, que nos levou dende punta Arenas ata a base Escudero na illa do Rei Xurxo, isto implica unhas tres horas de voo cruzando a temible Pasaxe do Drake. A volta pinta distinto, en principio sacaranos de aquí o buque Aquiles da Armada Chilena cos seus 103 metros de eslora, dous helicópteros, e capacidade para transportar a 400 persoas. É o buque insignia de Chile para as operacións loxísticas na Antártida. Nestes momentos está recollendo aos distintos grupos científicos da campaña de investigación chilena repartidos por todas as illas Shetland do Sur e a península Antártica. Imaxinen a complicación do asunto.

Tras dúas campañas, e logo de traballar en lugares coma o deserto de Atacama, o altiplano chileno-boliviano nos Andes ou desertos costeiros salgados no Caribe, non me cabe dúbida que este é un dos ambientes máis extremos do mundo. As plantas que aquí sobreviven poden ser modelos para comprender os seus mecanismos de resistencia a ambientes extremos, e posteriormente poder aplicar estes coñecementos en estratexias de mellora dos cultivos.

Dous exemplos

A herba Deschampsia antártica e o caravel antártico posúen estruturas e mecanismos para impedir a conxelación dos seus tecidos, de tal xeito que medimos nas follas temperaturas de entre -10ºC e -20ºC respectivamente para que se conxelen. Estas temperaturas é moi difícil que se alcancen no verán (ollo, pero fai unha semana chegamos ata -8ºC) co que lles permite sobrevivir nun lugar onde tódalas noites caen xeadas máis fortes que no inverno no alto da Serra do Barbanza.

Proseguimos a discusión dos nosos resultados no salón principal do «samolot» (así se refiren ao edificio central da base polaca Arctowski), Robert, o director científico da estación, abre unha web cos modelos meteorolóxicos previstos para os próximos días. A súa cara non augura nada bo, temos que cruzar o Drake, o mar que se atopa entre cabo de Hornos e a Antártida. Din os vellos mariñeiros que este é o mar máis temible, furioso e bravo da Terra.

Robert fai avanzar os modelos de predición, a cor no paso do Drake vai cambiando de verde (mar boa) a amarelo (mar regular) ata case vermello (moito mal) xusto para cando está prevista a nosa viaxe. Aos que non lles gusta navegar comezan a suar en frío. Neses mesmos momentos o Hespérides, o buque oceanográfico español, atópase cruzando o Drake cos nosos colegas da Universitat de les Illes Balears. Chegan mensaxes deles: «olas de 6 metros», «aquí está todo o mundo fastidiado». Non pinta ben o Drake, e iso que eles non tiñan unha tormenta prevista polo camiño coma estábamos vendo nós.

Pola noitiña apareceu o Aquiles entrando a toda máquina pola bahía Almirantazgo, fondeou no medio da mesma, a tripulación da base polaca e máis nós comezamos a correr para ter todos os equipos, mostras e equipaxes listas para levar para o barco. A noite víñase enriba e un forte vento do norte sopraba e comezaba a cifrar. O Aquiles despregou a súa plataforma aérea, e dela saíron dous helicópteros cara a base.

Enfilaron en formación cara Arctowski e foron sacando grupos de investigadores de tres en tres. Ademais trouxeron con eles unhas enormes redes-sacos para cargar aí o equipamento. Alí puxemos os nosos equipos científicos de gran precisión, extremadamente delicados (de centos de miles de euros), que trouxeramos entre «algodóns» e que agora ían ser izados nun helicóptero a decenas de metros de altura cruzando a baía ata o buque militar.

Condicións adversas

O mar estaba bastante picado e non permitía que se puideran utilizar as zodiacs para o embarque, así que decidiron que todo polo aire. A pericia dos pilotos para voar nestas condicións é admirable, afortunadamente lograron pousar a rede con todos os equipos con suavidade e sen golpes.

Estábamos xa no Aquiles, na saída das Shetland cara o Drake, deixando a Antártida ao sur. Fomos ata a popa onde skúas, petreles, pingüíns, baleas e focas se divertían na estela dos poderosos motores do buque, quizais para despedirnos. Quedaban por diante nosa tres días de viaxe a través do mar máis bravo do mundo. O capitán puxo rumbo noroeste para tentar evitar a temida borrasca que se interpuña entre nós e cabo de Hornos. O Drake non se fixo esperar, ventos con rachas de 70 km por horas e olas de catro e cinco metros azoutaban un buque que se mostrou mariñeiro na miña ignorante opinión. Pertenzo á primeira xeración da casa que tivemos a oportunidade de ir á universidade e non ir ao mar, e aquí me vexo cun montón de científicos de todo o mundo a piques de cruzar o mar máis perigoso do mundo.

Tralo primeiro día o comedor comezou a estar libre, non polo rancho do buque, senón porque marusía tras marusía, o Drake ía acabando cas reservas de biodramina e resistencia dos meus colegas (aínda así a cociña producía 1.800 pans diarios). As cousas foron un pouco peor unha das noites, con picos de ola de seis metros segundo me dixeron os meus compañeiros. A verdade é que eu non me percatei mentres durmía.

Tras dous días de navegación tiñamos cabo de Hornos ao leste, a tormenta pasara ao noso carón, e agora xa tocaba entrar na protección dos canais de Terra de Fogo. Entramos nun, o Beagle, o nome do famoso buque onde Darwin fixo as súas observacións para postular a teoría da evolución. Navegabamos entre os fiordos, os glaciares patagónicos saían dende o cumio dos montes ata derrubarse en inmensas cascadas xeadas.

A nosa campaña tocaba ao seu fin, a Antártida xa quedaba atrás, e alí deixamos moitos amigos que van pasar todo o inverno nas bases baixo a neve. As nosas plantas e experimentos tamén ficarán conxelados ata o próximo verán do hemisferio sur; e eu tras mes e medio de campaña estou facendo de volta os 12.429 quilómetros que hai entre a Illa do Rei Xurxo na Antártida e A Pobra. Hai quen di que o que ocorre na Antártida, queda na Antártida, máis a verdade é que este continente levaralo dentro de ti para toda a túa vida.

DIARIO DuN BARBANcés nA ANTÁRTIDA-último capítulo

As plantas que sobreviven no polo sur poden axudar a mellorar os cultivos a nivel mundial

Logo dunha viaxe de tres días por un dos mares máis duros, a expedición chegou a Chile