Somos unha ración!

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez CRÓNICA

BARBANZA

23 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Que ninguén se engane. Vivimos na era da globalización, na que as novas tecnoloxías poñen calquera cousa ao alcance de calquera estea onde estea, no que a Administración nos facilita a vida aos cidadáns poñendo á nosa disposición servizos telemáticos, na que os nenos parecen nacer cun ordenador debaixo do brazo, e se non o teñen, non hai problema porque en moitos colexios xa teñen un para cada alumno. Incluso se está a eliminar a presenza dos libros de texto en papel das aulas. ¡Que gran adianto! Non me atrevo a aseguralo con rotundidade, pero eu diría que Galicia é unha comunidade pioneira nesta materia, ou cando menos está á cabeza. Tamén chegou á comarca a tecnoloxía 4G, por partes, iso si, pero xa podemos dicir que somos coma calquera gran cidade en canto á cobertura de telefonía móbil.

Pois si, grandes avances todos eles que nos colocarían no cumio do mundo tecnolóxico... se funcionaran como deben. Que ninguén se engane, seguimos, como comarca e como comunidade, no vagón de cola. A conexión a Internet, totalmente precaria en moitos puntos das nosas aldeas, tamén é deficiente en grandes núcleos económicos coma o polígono industrial da Tomada, un dos máis puxantes de Barbanza e no que as empresas teñen serios problemas para desenvolver a súa actividade porque, nesta era tecnolóxica, se non estás conectado non es ninguén.

De feito, a propia Administración promove cada vez máis o uso das novas tecnoloxías nos seus trámites, ata o punto de que moitas veces é máis complicado cumprimentar determinado papeleo polo método tradicional, sen ter en conta a Galicia na que vivimos, avellentada e rural. Tamén se promove nos colexios co uso de tabletas no sitio dos libros, pero logo non hai forma de que funcionen porque o ADSL é unha quimera.

Neste mundo globalizado segue, a pesar de todo, a distinguirse entre o rural e o urbano porque os servizos non chegan á mesma velocidade, nin os megas de Internet, nin a cobertura de telefonía e nin sequera o sinal de televisión.

E que dicir das comunicacións viarias, ou aéreas. En Galicia temos tres aeroportos, e unha liña do (futuro) AVE; na comarca construíuse nin máis nin menos que o tramo máis caro da liña de alta velocidade con esa espectacular (deixo a criterio de cada un se iso é bo ou é malo) ponte que atravesa o río Ulla. Temos todo iso, pero para viaxar a calquera lugar fóra da península, incluídas as illas do territorio español, non nos queda outra que facer escala, e xa non falemos dos malabares necesarios para un destino internacional... Menos mal que a Madrid si que hai voos directos, porque se temos que agardar polo AVE imos aviados.

Pois si, como reza a famosa camiseta de Rei Zentolo, por moito avance que se nos venda seguimos a ser unha ración.