Máis de sesenta bailaríns participarán na quinta mostra de danza promovida pola asociación Haveira
17 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Unha vez máis, a salsa e os sons caribeños resoarán na cidade ribeirense. Será mañá, a partir das oito da tarde, cando uns sesenta bailaríns se suban ao escenario do auditorio municipal no marco da quinta mostra de danza promovida pola asociación Haveira. A exhibición deste ano estará marcada pola diversificación, xa que haberá novas modalidades, dende sevillanas ata hip hop .
A de mañá será a primeira parte dunha mostra que terá continuidade en maio. Nesta exhibición inaugural participarán 53 nenos pertencentes ao grupo El Tomasón e ás escolas das asociacións da pais de alumnos dos colexios de Aguiño, Castiñeiras, O Grupo e Olveira. Trátase de bailaríns cunha experiencia mínima de dous anos. Na primavera, serán corenta nenos en fase de iniciación os que lle poñan ritmo ao segundo festival da tempada.
O promotor da mostra, Orlando Cruz, explicou que este ano haberá novidades. A máis importante é a diversificación da exhibición mediante a introdución de novas especialidades. Así, aos bailes cubanos e de salón que xa son unha tradición neste festival, sumaranse sevillanas e danzas modernas, como batuca, jazz e hip hop . Tamén haberá unha demostración de baile oriental e do ventre.
Intercambio cultural
O obxectivo da mostra é promover, a través da danza, o intercambio cultural entre Ribeira e outros países. A maiores, co festival pretende dárselle aos veciños do municipio e do resto da comarca a posibilidade de ver o resultado do traballo que desenvolven os máis de 170 alumnos que na actualidade están matriculados nas clases promovidas pola asociación Haveira.
Tanto eles como o resto dos barbanceses afeccionados ao baile terán este verán unha oportunidade única, xa que poderán sumarse a un festival de salsa na rúa que terá como escenario a cidade de Ribeira. Da organización da actividade encargarase unha agrupación de escolas de baile de Galicia, da que forma parte a asociación Haveira. As edicións anteriores celebráronse na sala Capitol de Santiago.
O festival que se pretende desenvolver en Ribeira ten como particularidade o seu escenario, xa que terá lugar na rúa. Os promotores aproveitarán a mostra de danza de mañá para dar a coñecer algúns detalles do certame, como as bases para participar e os premios.