ELENA FERNÁNDEZ LA ENTREVISTA Manuel Crujeiras Vidal, ribeirense que foi elixido patrón maior do pósito alxecireño
29 jul 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Coñecido como el gallego en Alxeciras e como fidalgo en Ribeira, Manuel Crujeiras Vidal naceu en Galicia e leva quince anos afincado no Estreito español. En decembro do ano pasado foi nomeado por maioría absoluta patrón maior de Alxeciras. Hoxe, dende o porto do lugar, comanda a loita no nome dos traballadores do mar, reivindicando os dereitos dos mariñeiros españois na busca dun novo convenio para faenar no banco pesqueiro canario-sahariano. _Vivíu sempre traballando no mar. _Levo dende xoven neste mundo. Nacín e caseime en Ribeira e, de mozo, xa traballaba en barcos de palangre. Así recorrín todo o mundo navegando. Pasei un ano en Venecia; sete meses no Orinoco, nun barco venezolano; e dez meses en Sudáfrica. Tras un tempo en Ribeira fun a Noruega, onde vivín e traballei dez anos. _¿Que lle levou ó porto de Alxeciras? _Propuxéronme ir a Alxeciras porque había boa pesca. Non coñecía a ninguén alí, pero pronto fixen amigos. Tras un ano, a familia veuse conmigo a vivir. Fun cun barco de Ribeira que logo se vendeu e, máis tarde, fíxenme con outra embarcación coa que ós tres anos afundimos a 58 millas por debaixo das Palmas. Máis tarde comprei un barco pequeno. O ano pasado escolléronme por maioría nas eleccións a patrón mayor pola parte dos armadores. _Os mariñeiros de Alxeciras non poden faenar. _Hai xa sete meses que non poden traballar polo remate do convenio pesqueiro con Marrocos e as axudas de cento cincuenta mil pesetas por parte da UE ós mariñeiros remataron. O caladeiro canario-sahariano daba traballo a centos de barcos españois, que hoxe están parados por falla de avances na negociación entre as partes técnicas implicadas. _¿Cal cre que é a solución ó problema no banco canario-sahariano?. _Nestes intres a situación é insostible; é preciso un acordo. A semana pasada, unha patrulleira marroquí armada retuvo durante horas a catro barcos alxecireños -entre eles o meu- que faenaban en Ceuta. A solución será un convenio, como mínimo igual ó anterior. Teño a esperanza de que antes de novembro se firme este acordo. No obstante, se non é así, haberá movilizacións e chegarase incluso a pechar o porto de Alxeciras.