De producir e consumir en galego

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

Perdurar como pobo con lingua propia non se consegue só con literatura; fai falta estarmos presentes na ciencia, na economía, no comercio

18 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Non creo que xa esteamos derrotados como pobo, quizá porque sei que a Historia da Humanidade é moi amiga de dar bandazos. E, por iso, son dos que pensan que Galicia, e o galego —idioma e persoa—, non están vencidos e creo na supervivencia dos dous. Álvaro Cunqueiro díxoo mellor que ninguén: «Eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo». E rematou pedindo que «Galicia durase mil primaveras máis», como figura no seu epitafio. A fin de contas levamos ó lombo séculos de Historia e no XXI aínda andamos por aquí. Saímos adiante das lexións romanas, do reino suevo, da influencia árabe, dos foros abafantes, das guerras entre nós, do centralismo castelán e das imposicións xacobinistas, de prohibicións e desprezos. Pero estar, estamos en perigo e non sei moi ben de onde sacaremos as forzas para mantermos o orgullo de sermos quen somos, porque nos enfrontamos aos máis grandes inimigos que o mundo coñeceu ata agora; e metido neste barullo non sabería dicir moi ben que tal imos nese tour de force. A pesar de que as enquisas de uso do galego polos mozos son un pesadelo, aínda me parece que chegamos máis ou menos enteiros a estes tempos, nos que a globalización non ten un foco determinado senón unha tea de araña mundial que quere aniquilar calquera diferenza. Vivimos, ademais, nunha época caracterizada polo escravismo oculto, que nos fai ser simples produtores e na que a divindade máis reverenciada é o Deus Consumo; por máis, catequizados polo poderío das técnicas infalibles da mercadotecnia, que transforma á poboación mundial nunha especie de consumoadictos e, que nos leva a comprar, comprar, comprar de xeito compulsivo e a traballar, traballar, traballar, para consumir. Pois quizá habería que aproveitar esa vórtice, remuíño imparable que nos arrastra e usar as armas do inimigo. Porque, con toda certeza, perdurar como pobo con lingua propia non se consegue só con literatura. Fai falta estarmos presentes na ciencia, na economía, no comercio; e aí imos, pouco a pouco, desaparecendo. Hai que rebelarse. Está nas nosas mans utilizar a forza irresistible do consumo para fortalecernos. Se vostede, que pode estar a ler esta columna nun bar ou na comodidade dun sofá, bota unha ollada arredor, verá, por exemplo, botellas de viños galegos: marabillosos Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras ou Monterrei. Bótelle un ollo á marca. O máis común serán palabras galegas como, por poñer, Albariño do Ferreiro, Embaixador, Sede e Fame, Celme, Martín Códax, Fillo do Atlántico, Mar de Frades, Condes de Albarei, As Voltas, Terra de Asorei, Nai e Señora e, en fin, topónimos, frases e ata un moi atrevido Fai un Sol de Carallo. O mesmo se pode dicir de moitos outros produtos do sector primario: a marca vai en galego, maioritariamente, pero o resto da etiqueta aparece en castelán, cando non en inglés. Non é doado de entender. E non o é porque facelo así evita asumir a nosa sinal de identidade. Por unha banda ao poñer a marca en galego recoñecemos o valor do propio, pero á hora de etiquetar rexeitámolo. Ademais pode ser un grande erro comercial porque a lingua galega na etiqueta de calquera produto singulariza, dá confianza. Reforza a autenticidade e a identidade; axuda aos próximos. Un xeito de galeguizar a nosa economía é estar nesa vórtice consumista da globalización con identidade propia; e xa que transitamos polo reino do Deus Consumo, aproveitémolo comprando produtos galegos etiquetados en galego; consigamos que o tecido comercial, empresarial e científico sexa un vector que nos permita seguir sendo o que somos. Resulta obvio, claro, sen discusión posible, que consumir produtos etiquetados en galego axuda a facer viable a economía galega. E fóra de aquí valorarase a identidade da que nos gabamos só coas marcas. Elixir produtos galegos etiquetados en galego é sermos solidarios coa nosa Terra, connosco e, simultaneamente, manternos vivos como pobo. Pois iso: para que duremos mil primaveras máis, etiquetemos en galego e consumamos produtos etiquetados na nosa lingua.