Pilar Vázquez, 68 anos: «Ao xubilarme comecei a facer deporte e encaixe de palillos»

YES

Desde que se despediu das aulas, esta mestra retirada está aproveitando para dedicarse a todo iso que deixou para cando tivese tempo. Agora, non para e fai desde ioga ata teatro, pasando por manualidades e exercicio
03 jun 2025 . Actualizado a las 10:25 h.O de que Pilar Vázquez (Sober, 1957) está xubilada e acaba de cumprir 68 anos hai que crelo porque o pon o seu DNI. Pero escoitala falar, vela manexar o WhatsApp, a enerxía que desprende e a morea de cousas que fai no seu día a día invitan a poñelo en dúbida. Dende que se xubilou hai xa case sete anos, está aproveitando para facer todo iso que deixou «para cando tivese tempo». Todas esas cousas que dixo que «algún día» aprendería.
Ese día chegou cando se despediu das aulas nas que pasou boa parte da súa vida, despois de que esta mestra de educación infantil ensinase a decenas de xeracións. Agora vive en Betanzos, onde comezou a dar clase en 1993 e dedica o seu tempo libre a todo tipo de actividades. «Se o paso ben, gústame calquera cousa», deixa claro.
Con esa declaración de intencións non chama a atención que non pare e que na súa semana non haxa dous días iguais: «Fago máis cousas agora das que facía antes. O tempo vouno repartindo como podo», recoñece. Anímase ao que se lle poña por diante e, por facer fai desde deporte ata teatro, pasando por ioga e encaixe. O do encaixe é, precisamente, o primeiro exemplo desas cousas que dixo que algún día aprendería.
Interesouse polo tema cando, nos seus inicios como mestra, tivo que marchar para a Costa da Morte: «Traballei en Dumbría, Fisterra e Coristanco e vía que alí todo o mundo sabía facer encaixe de palillos», explica Pilar. Recorda que daquela parecíalle «dificilísimo» e dicía: «Cando me xubile, vou intentar aprender». E 40 anos despois cumpriu a súa palabra e logrouno. Ou niso está, polo menos, nas clases semanais ás que asiste. «Por agora fago pequenas cousas e non son perfectas, pero estou moi contenta de telo conseguido», recoñece.
Outra materia pendente para ela sempre foi o exercicio. Non esconde que nunca foi «unha persoa deportista» e que, a maiores do sendeirismo ao que foi afeccionada toda a vida, di que a súa actividade física foi escasa durante moitos anos. «Creo que non facía deporte dende as clases de educación física do colexio», ri. Foi outra desas cousas que comezou a facer coa xubilación e agora adestra e practica ioga. E non vai a un ximnasio calquera. Tiña claro que non podía adestrar nun sitio que non desprendese a mesma vitalidade ca ela e, dende hai un ano asiste semanalmente ás clases que se imparten no centro Garasaúde, de Betanzos, con luces de neon e música de discoteca. Pilar sabe moi ben cal é a filosofía que segue á hora de afrontar os adestramentos: «Eu fago o que podo, pero o importante é facer algo», defende.
Cousas que non cambian
Pero hai cousas que seguen igual por moito tempo que pase, e esta mestra de vocación, resístese a despedirse definitivamente da escola. Por iso, tamén aproveita parte do seu tempo libre para seguir vinculada ao mundo educativo. Forma parte dunha especie de grupo de teatro moi particular: o 100 % dos membros son profesoras xubiladas e dedícanse a dramatizar contos infantís e representalos nos colexios. «Armámolo todo nós, dende o guión ata os disfraces. Creo que os nenos o pasan moi ben», explica Pilar.
E na casa tamén segue rodeada de nenas. Ten dúas netas, unha de 9 anos e outra de apenas 3 meses e non esconde que, de todas as actividades que practica, a de avoa é a súa favorita: «Véxoas todos os días e botámoslles unha man aos pais en todo o que podemos», explica. «Mentres teñamos enerxía para coidalas, nós facémolo encantados», engade.
Iso si, a pesar de sentir certa nostalxia dos seus anos convivindo cos máis cativos, hai cousas que non estraña da vida laboral. «Nunca me gustou nada madrugar. Así que agora cedo non me levanto, que xa madruguei moito durante toda a miña vida!», exclama. Só hai un motivo polo que non lle importa erguerse á hora que faga falta: «Se teño que levantarme ás 8.30 para levar a neta ao colexio non teño problema, pero por iniciativa propia non saio da cama a esa hora», di, medio en broma medio en serio.
Outra gran parte do seu tempo de ocio está dedicado á cultura, en varias formas. Por un lado, é membro dun club de lectura feminista —«só imos mulleres e só lemos a mulleres», di— no que comentan un libro ao mes. E unha das mellores partes desta actividade vén despois desas reunións: «Ao rematar sempre imos tomar un viño!». Porque, para Pilar, en relacionarse e pasar tempo coa xente está a clave de todo. «Eu sempre fun unha persoa moi aberta, pero canto máis maiores nos imos facendo, creo que máis necesidade temos de falar cos outros», reflexiona.
Pero, neste eido, a súa grande paixón é a agrupación na que foi a primeira muller en ingresar e que agora dirixe. Trátase da asociación cultural Eira Vella de Betanzos e, aínda que recoñece que a día de hoxe funciona «a medio gas, pola falta de relevo xeracional», Pilar fala do orgullosa que está dela. «Faciamos exposicións, actos culturais e publicabamos unha revista semestral na que colaboraban todas aquelas persoas que non tiñan un sitio onde publicar o que escribían», explica. «É unha das poucas cousas que xa compaxinaba co seu emprego —comezou na asociación nos anos 90— e que mantén hoxe en día», di.
Nesta lista de actividades que empezaron cando traballaba e perduran durante a xubilación de Pilar está a súa faceta máis viaxeira. E esta non só se mantén, senón que se intensificou: «O meu marido e mais eu facemos as maletas sempre que podemos». Estando xa xubilados visitaron Grecia, Exipto —con viaxe en camelo incluída—, Holanda, Noruega ou Finlandia. Aínda que para este ano polo momento non teñen planeada ningunha —ser avós dunha nena e un bebé require moitas horas—, teñen claro que o retomarán conforme as nenas vaian medrando, e xa están pensando na seguinte. «Eu sempre estou lista para calquera aventura», asegura. A estas alturas, xa ninguén o dubida.