Paula Cabaleiro: «Un músico que actúa nun acto ten que cobrar, da visibilidade non se vive»
VIGO
Defende que a cultura é un dereito fundamental, como a sanidade e a educación, que non se está a garantir: «As políticas culturais están a excluír a moitísima xente»
28 feb 2026 . Actualizado a las 09:17 h.Nun momento en que as letras galegas suman premios nacionais, as artes escénicas do país teñen recoñecemento fóra de Galicia, os grupos musicais da terra son reclamados máis aló do Padornelo e os artesáns recollen galardóns estatais, Paula Cabaleiro (Cangas, 1986) vén a reivindicar que si, que é un bo momento para a Cultura Galega, pero que non hai que conformarse. Quen foi directora de Cultura da Deputación de Pontevedra, directora do museo MAC Florencio de la Fuente entre 2015 e 2020 e forma parte da xunta directiva dos Premios Crítica de Galicia, defende que a cultura é un dereito fundamental que hai que esixir e ao que teñen que ter acceso todos os cidadáns. «É un dereito constitucional, un servizo público, como a educación ou a sanidade», reivindica.
Vén de presentar un informe no Consello da Cultura -do que forma parte desde o ano 2019, e pasou a entrar no plenario no 2024- sobre os dereitos culturais. «Os cidadáns teñen que reivindicar que se cubran as súas necesidades culturais», asegura que as sociedades con máis acceso á cultura teñen máis cohesión social. «Temos dereito a participar nas decisións, onde se aplican os recursos e como». O informe, que Cabaleiro coordinou e redactado por Ruth Sousa, recolle 500 achegas de cidadáns que evidencian barreiras físicas, de contido e de programación. «Hai municipios que teñen programas pequenos pero que si os fan con continuidade e honestidade, xeran público e comunidade». E conclúe: «Moitas das políticas culturais públicas están a excluír a moitísima xente que non se sente interpelada nin con dereito a crear cultura».
Entre os anos 2020 e 2023 dirixiu a área de Cultura da Deputación de Pontevedra no bipartito, cun orzamento de máis de tres millóns de euros. Programou proxectos como Mulleres en acción, Violencia Zero ou Mulleres no Foco. «Cando estudaba Belas Artes, as alumnas eramos o 70 %. Nos museos, descubrín que as mulleres dirixen menos do 25 % deles e canto máis grande é e máis prestixio ten, baixa a porcentaxe. Seguimos en minoría nas exposicións e coleccións», lamenta quen pon a igualdade no centro das súas propostas.
Artistas en museos e empresas
Estudou Belas Artes e está a demostrar que se pode vivir da cultura pero que queda moito por defender. «Os creadores e creadoras son o sector máis débil da cadea e é o máis importante porque crea contido». Non entende como, se non hai dúbida en pagarlle a empresa que reforma a sala de exposicións, se cuestiona o salario de quen enche esa sala de contido cultural. «Non podemos permitir que se chame a un músico para que actúe nun acto de balde, ten que cobrar. Non se lle pode dicir que xa se lle dá visibilidade, diso non se vive no día a día». Tamén fai autocrítica. «Temos que facer arte máis alá do estudo e saír da nosa zona de confort. Noutros países hai perfís creativos en todo tipo de empresas, achegando outro tipo de solucións».
Ela mesma sabe o que é facer contas. É artista, xestora cultural, comisaria e tamén galerista. Abriu o seu propio proxecto de exposición e venda en Santiago que tivo que pechar porque non daban as contas. «Volvería tela aberto; e pechado tamén. O mercado de arte en Galicia está moi complicado. Non sei si se a xente cobrara máis, investiría máis en arte e cultura. Creo que se conseguiría si se entendera socialmente como unha fortaleza porque forma parte da nosa identidade». Esa identidade da cultura galega é moi recoñecida noutras comunidades autónomas e en Portugal.
Este ano, Cabaleiro ten por diante varias exposicións das que é comisaria: «É o que máis me enche como profesional». En marzo inaugura exposición en Santiago de Compostela, no Colexio de Fonseca: O ceo aos meus pes, da artista Luciana Rago. Tamén é comisaria da mostra que se abrirá en Portugal, en São João da Madeira, este vindeiro mes sobre a Colección de Norlinda e José Lima. En maio a comisaria inaugura mostra na Casa das Artes de Vigo coa artista Alicia Framis, española residente en Ámsterdam. «Ten un enfoque feminista cunha participación moi especial de mulleres que conforman Vigo, mulleres que están nesa xoia que é o arquivo Pacheco. Tamén participan tres grandes poetas desta terra e cunha banda sonora creada por mulleres desta cidade».
Celebra que dende o Concello de Vigo se estean a abrir agora convocatorias de arte e habilitar espazos para expoñer. «É unha cidade prolífica na creación, hai que poñer esa arte en diálogo co público». Tamén recomenda redefinir o uso e a identidade dos espazos, darlle coherencia. Aos políticos recoméndalles escoitar máis. «A cultura é unha ferramenta profundamente transformadora e agradecida. As Administracións só teñen que poñer os recursos para que a cidadanía constrúa. Non se trata de levar a cultura por exemplo ao rural, como din algúns, a cultura xa está alí, hai que favorecer que aconteza».
A súa canción favorita
«Inconformismo» de Guadi Galego e Tanxugueiras. «Temos a sorte de ter artistas que crean en galego e o fan así de ben. É un tema que me representa emocionalmente. A cultura nunca pode ser neutral nin conformista. Non me quero quedar co doado de conseguir senón co que mellore a comunidade na que vivo».